Medio Rural avanza na cooperación europea para mellorar a defensa contra os incendios forestais

A conselleira María José Gómez presentou hoxe o novo equipamento adquirido pola Xunta no marco do proxecto Interreg Sudoe USE4FOREST, consistente en dúas furgonetas que funcionarán como Postos de Mando Avanzado

Os responsables desta iniciativa europea atópanse de visita en Galicia para coñecer diversas instalacións de defensa, como a base aérea de Verín-Oímbra, na que se presentaron os novos vehículos, ou o Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén

No proxecto participan diferentes axentes públicos e privados de Francia, Portugal e España e o seu obxectivo principal é mellorar a xestión do monte antes, durante e despois dos incendios

Verín (Ourense), 27 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na visita do comité de socios responsable do proxecto Interreg Sudoe USE4FOREST á base aérea de Verín-Oímbra, na que se presentou o novo equipamento da Xunta para a defensa contra os incendios forestais adquirido no marco desta iniciativa europea. Trátase de dúas furgonetas que funcionarán como Postos de Mando Avanzado nos lumes, as primeiras que se habilitan para tal fin e que están dotadas cos últimos avances tecnolóxicos. Son, ademais, fáciles de trasladar e permiten un seguimento continuo da evolución do incendio ou dos medios despregados.

Gómez, que estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, destacou que esta base aérea de Verín-Oímbra “naceu tamén froito dun proxecto europeo”, neste caso o POPTEC denominado Interlumes, e destacou que a súa posta en marcha supuxo un investimento de 5,5 millóns de euros.

Engadiu que, neste caso, coa visita dos membros do proxecto Interreg Sudoe USE4FOREST, “ponse en valor non só a infraestrutura de Galicia para a loita contra o lume senón tamén o amplo programa de actuacións que se desenvolven desde a Consellería tanto en materia de prevención como de extinción”.

Asemade, a conselleira subliñou que todo este sistema “complexo e que foi medrando ao longo do tempo” fíxose posible tamén grazas ao traballo de investigadores como Juan Picos, profesor da Universidade de Vigo, quen precisamente explicou no marco desta visita a nova ferramenta de mapeado de incendios que se está desenvolvendo. Todas estas aportacións técnicas, segundo trasladou Gómez, foron configurando o dispositivo de prevención e de extinción galego, que “é un referente a nivel estatal e tamén para países veciños como Francia e Portugal”.

Visita de estudo a Galicia

A visita de estudo do comité de socios deste Interreg a Galicia iniciouse no distrito de Verín, no que se realizou unha análise técnica dos incendios do verán de 2025 para coñecer as súas causas, alcance e os protocolos activados durante a emerxencia. A continuación, tras esta visita á base aérea, os expertos coñecerán o Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén, no que asistirán a unha demostración con brigadas e motobombas, así como de condución de vehículos en situación de grandes incendios.

O percorrido rematará mañá xoves cunha reunión de pilotaxe do proxecto e de posta en común do traballo desenvolvido ata o de agora e dos pasos a seguir ata a súa finalización.  O obxectivo último deste proxecto europeo enmarcado na iniciativa Interreg é mellorar a xestión do monte antes, durante e despois dos incendios, impulsando o seu lema “montes xestionados, territorios protexidos”.

Con respecto ás entidades españolas que participan no proxecto, aparte da Consellería do Medio Rural, están a Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo; a Deputación de Ourense;  a Junta de Castilla y León; a Hazi Fundazioa; a Fundación Tecnalia Research & Innovation e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.

Colaboran tamén o Ministério da Administraçaõ Interna Autoridade Nacional de Emergência e Proteção Civil; Comunidade Intermunicipal das Terras de Trás-os-Montes; o Instituto Politécnico de Bragança Centro de Investigação de Montanha de Portugal, así como o Centre Régional de la Propriété Forestière Nouvelle-Aquitaine; o Département de l'Aude DGA Solidarités territoriales Mission Europe; o Syndicat Mixte du Pays Sud Charente e o Syndicat Mixte d'amenagement et de gestion du PNR Corbières- Fenouillèdes de Francia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2026