O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas e o xerente da área sanitaria de Vigo, visitou a nova unidade acompañado dos médicos responsables

O Servizo Galego de Saúde pon en servizo a nova área de prevención e rehabilitación cardíaca do Hospital Público Álvaro Cunqueiro para ofrecer unha atención de referencia a 600 pacientes ao ano

O Goberno galego investiu preto de 800.000 € na súa ampliación e a dotación de equipamento para contar con 4 consultas, ximnasio terapéutico, sala de emerxencias, zonas de reunións e vestiarios

Realízanse plans individualizados para reducir o risco de mortalidade e evitar novos episodios en pacientes que sufriron patoloxías cardíacas

O equipo da unidade fórmano profesionais de cardioloxía, rehabilitación, enfermería, fisioterapia, psicoloxía, nutrición, traballo social e farmacia

Ademais da asistencia, a unidade tamén inclúe formación de pre e posgrao e investigación clínica

Vigo, 27 de maio de 2026

O Servizo Galego de Saúde puxo en funcionamento nas últimas semanas a nova área de prevención e rehabilitación cardíaca do Hospital Público Álvaro Cunqueiro para ofrecer unha atención de referencia a 600 pacientes ao ano, que aproximadamente son a metade de pacientes que ingresan en Vigo por episodios cardíacos.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, visitou hoxe a nova unidade acompañado pola doutora Marisol Bravo, responsable da unidade, e polo xefe do Servizo de Cardioloxía, Andrés Íñiguez.

O investimento da Xunta nesta nova unidade ascendeu a preto de 800.000 euros na obra e no equipamento, contando agora cunha superficie de 270 metros cadrados. Este novo espazo dispón de 4 consultas, un ximnasio terapéutico, unha sala de emerxencias totalmente equipada, zonas de reunión e vestiarios.

Deste modo, ofrécense programas para reducir o risco de mortalidade e evitar novos episodios a pacientes que sufriron patoloxías cardíacas agudas, infartos ou intervencións coronarias. Tamén se actúa sobre determinados factores de risco mediante plans individualizados, como o programa de cesación tabáquica.

O conselleiro de Sanidade loou o traballo do equipo que forma a unidade, con profesionais de cardioloxía, rehabilitación, enfermería, fisioterapia, psicoloxía, nutrición, traballo social e farmacia.

Este equipo non só cura e acompaña na mellora do benestar dos pacientes e na reincorporación segura á vida cotiá, senón que tamén forma e impulsa o coñecemento. Neste sentido, a unidade combina a asistencia sanitaria coa formación de pre e posgrao e coa investigación clínica, en colaboración con outros servizos e coa Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur.

Próximas melloras en Vigo

Ademais da creación dunha nova área de prevención e rehabilitación cardíaca, nos vindeiros meses a Consellería de Sanidade licitará as obras de ampliación do servizo de Urxencias do Hospital Público Álvaro Cunqueiro.

Ademais, xa está adxudicada a obra da área de Cirurxía Maxilofacial que se situará no Hospital Meixoeiro e actualmente está en fase de licitación a nova área de Reprodución Humana Asistida.

Estas actuacións sumaranse ao novo hospital de día médico que a Xunta impulsou no Álvaro Cunqueiro, de forma coordinada coa nova sala de espera, humanizada, do Servizo de Oncoloxía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2026