A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe nun almorzo empresarial organizado pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC)

Lorenzana apela a reducir tempos e burocracia na administración porque “os investimentos non esperan”

Non poñer facilidades, di “é elixir que esa oportunidade marche a outro lugar. E Galicia non pode permitirse iso"

Destaca a importancia de garantir “enerxía accesible, estable e con infraestrutura suficiente” porque, se non, “non hai industria posible”

“Tan malo é o negacionismo industrial de determinadas organizacións como a crítica lixeira, sen base algunha, inventada ou desinformada, que non recoñece os avances logrados, quizáis por ignorancia, quizáis por descoñecemento”, subliña

“O que nos falta non son recursos, o que nos falta é ambición colectiva, crernos que podemos xogar en primeira división, deixar de mirar como outros toman posicións e empezar a tomar as nosas”, di

A Coruña, 27 de maio de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a necesidade de reducir tempos e burocracia na administración porque “os investimentos non esperan, compiten entre territorios”. “Non facilitalo é elixir que esa oportunidade marche a outro lugar. E Galicia non pode permitirse iso", manifestou.

Nun almorzo empresarial organizado pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Lorenzana insistiu en que o contexto actual exixe “velocidade, capacidade de atracción de investimentos e administracións que non sexan un obstáculo”, dixo, para apelar á necesidade de saber “crear condicións, acompañar, dar certezas e reducir tempos”. “Temos que entender que, cando unha empresa decide investir,  o tempo non é un detalle administrativo, é unha variable estratéxica”, engadiu.

Destacou, así, á importancia de garantir “enerxía accesible, estable e con infraestrutura suficiente” porque, se non, “non hai industria posible”. A día de hoxe, proseguiu, “España non está preparada para atender o numerosísimo grupo de proxectos industriais súper consumidores de enerxía que están querendo instalarse no noso territorio, -dixo-. E o que é peor, a rede de transporte non está capacitada para evacuar toda a enerxía que imos ser quen de producir coas renovables”.

Ao respecto, sinalou que Galicia está ben posicionada, pero censurou que no contexto actual a transición enerxética se converta nun dogma. “Europa non pode gañar a batalla do clima perdendo a súa base industrial, -dixo-. E Galicia non pode aceptar un modelo de transición que a deixe fóra de xogo”.

En relación tamén coa enerxía, apuntou que Galicia ten 18 das 34 materias primas críticas que a Unión Europea identificou como prioritarias e vén de presentar un plan mineiro que supón a posta en valor duns 7.000 millóns de euros en recursos naturais.  “Se algo pode parar eses proxectos non vai ser nin a falta de exixencia ambiental por parte da Xunta nin a falta das mellores técnicas dispoñibles por parte dos promotores, senón que pode ser a desinformación ou a mala información á cidadanía”. Neste contexto, salientou a necesidade de dar a coñecer, entre outras cousas, que os proxectos van ter que repercutir na poboación unha parte dos seus beneficios, porque de non ser así, “non van saír”, asegurou. “Esa é a única forma de loitar contra esa corrente ideolóxica instalada en partidos e organizacións”.

Entre outras das condicións que as administracións deben garantir para captar investimentos, referiuse ao solo industrial “rápido, accesible e flexible nas condicións de adquisición”. Segundo precisou, neste momento a Xunta ten en marcha, en distintas fases de tramitación, 12 millóns de metros cadrados de solo público empresarial de cara ao 2030, cun investimento de 440 millóns de euros; 4 millóns na provincia da Coruña. “É máis que o total que leva desenvolvido Xestur desde os anos 80 cando se creou”, destacou.

Lorenzana concluíu destacando, finalmente, a importancia de dar acompañamento ás empresas que queren investir; algo que a Xunta fai a través da Oficina Económica de Galicia. Neste contexto, indicou que a Administración autonómica ten xa 15 Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE) en tramitación (12 na provincia da Coruña), en ámbitos como o hidróxeno verde, a descarbonización, a economía circular, os centros de datos, a automoción ou a defensa. Case 1.500 millóns de euros de investimento potencial e máis de 1.400 empregos directos.

“Tan malo é o negacionismo industrial de determinadas organizacións como a crítica lixeira, sen base algunha, inventada ou desinformada, que non recoñece os avances logrados, quizáis por ignorancia, quizáis por descoñecemento”, aseverou. “O que nos falta non son recursos, o que nos falta é ambición colectiva, crernos que podemos xogar en primeira división, deixar de mirar como outros toman posicións e empezar a tomar as nosas”, dixo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2026