A Xunta pon o proxecto ‘Máis ca leña’ do colexio Xosé María Brea Segade de Rianxo como referente en conciencia ambiental
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa lembra que Galicia é a comunidade autónoma con mellor nivel en conciencia ambiental segundo o estudo TIMSS
Rianxo (A Coruña), 27 de maio de 2026
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o CEP Xosé María Brea Segade de Rianxo, onde puxo en valor os proxectos e concienciación ambiental que se desenvolven no centro, especialmente a iniciativa Máis ca leña, un proxecto consolidado desde 1994 arredor do coñecemento, conservación e valorización do monte galego.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou “o compromiso exemplar da comunidade escolar do Brea Segade coa innovación pedagóxica, a educación ambiental e a conexión co territorio”. Neste sentido, sinalou que proxectos como Máis ca leña “converten a aprendizaxe nunha experiencia real e transformadora, na que o alumnado entende o valor do monte desde o coñecemento directo e a participación activa”. A través da experiencia directa no monte veciñal, o alumnado achegase ao coñecemento da biodiversidade local, aos usos socioculturais e aos distintos aproveitamentos forestais e tradicionais, como a gandaría, a micoloxía, a apicultura, a produción de castañas ou a extracción de resina.
Durante o percorrido polo espazo, a directora xeral salientou tamén “o valor pedagóxico de conectar os contidos curriculares coa realidade máis próxima do alumnado”. Ademais, lembrou os bos resultados dos estudantes galegos nos estudos internacionais relacionados coa competencia científica e a conciencia ambiental. “Galicia é hoxe un referente educativo neste ámbito, e isto é posible grazas ao traballo constante dos centros educativos e do profesorado”, afirmou.
Así, os estudantes galegos lideran en España a competencia científica no informe PISA con 506 puntos, por riba da media estatal e da OCDE. Do mesmo xeito, Galicia ocupa a primeira posición estatal en conciencia medioambiental segundo o estudo TIMSS, no que o alumnado da Comunidade acadou 533 puntos, 23 máis ca a media española.