O presidente da Xunta participou na inauguración do XXXI Congreso Español del Café, na Coruña

Rueda destaca ás empresas galegas vencelladas ao sector do café como exemplo da Galicia Calidade que identifica e singulariza á comunidade

Salienta que Galicia conta con marcas históricas que facturan “máis de 120 M€ ao ano”

Resalta a aposta da Xunta por “dar estabilidade e seguridade para xerar riqueza e apoiar aos que crean economía”

A Coruña, 27 de maio de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia do tecido económico vencellado ao sector do café -desde a industria ata a hostalaría- como representante da Galicia Calidade que identifica a comunidade en todo o mundo. “É máis que un eslogan, é algo que nos fai recoñecibles. O café e todo o que xira arredor del é un exemplo”, indicou.

Durante a inauguración do XXXI Congreso Español del Café, que se celebra na Coruña, lembrou que Galicia conta “cun sector hostaleiro moi potente” e con marcas históricas de café que facturan “máis de 120 millóns de euros ano”. Neste caso, resaltou que moitas delas son empresas de base familiar, “con permanencia no tempo, potentes na actualidade e con proxectos de futuro”. En concreto, as empresas familiares representan o 90% do tecido produtivo galego, o 86% do PIB autonómico e xeran máis de 600.000 empregos.

O presidente salientou a aposta da Xunta para facilitar novos proxectos empresariais na comunidade e mellorar a competitividade dos xa existentes. “Ofrecemos seguridade para crear riqueza e apoio aos que crean economía”, indicou.

Nesta liña, lembrou que Galicia ofrece estabilidade política e económica, cuns orzamentos aprobados en tempo e forma. Ademais, a Xunta vén de aprobar a Mesa de Diálogo Social para avanzar en cuestións como o benestar laboral ou a loita contra o absentismo e implanta medidas específicas, adaptadas ás necesidades de cada sector. No caso da industria alimentaria está previsto aprobar o seu Plan director antes de que remate este ano 2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2026