Villaverde asina un convenio coa confraría de Vilaxoán que permitirá a restauración de 8 bancos marisqueiros cunha superficie total de 213.487 m²
O Goberno galego financia integramente con máis de 206.000 € o plan deseñado pola propia entidade, que recolle actuacións como o acondicionamento do substrato, rareos, sementeiras, control de depredadores, vixilancia ou accións formativas
A conselleira afea o "inmobilismo" do Estado ao non materializar aínda as exencións das cotas á Seguridade Social solicitadas pola Xunta en marzo e a discriminación a Galicia ao non recibir fondos estatais
O acordo enmárcase no plan extraordinario polo que o Executivo autonómico mobiliza case 23 millóns de euros en apoio ao sector e que compensa ás persoas mariscadoras polas labores de rexeneración
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 27 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou hoxe co patrón maior da Confraría de Pescadores de Vilaxoán, Joaquín Santos Pérez, o convenio de colaboración para executar o proxecto de restauración de hábitats e zonas de produción marisqueira. A Consellería do Mar sufraga o 100 % do importe solicitado pola propia entidade, que ascende a 206.479,71 euros, para paliar os severos danos causados polos temporais de comezos de ano e a consecuente baixada crítica de salinidade.
A titular de Mar salientou que o obxectivo prioritario do convenio é devolver a produtividade aos areais e garantir a viabilidade económica do colectivo a través dun modelo de cogobernanza que escoita e atende as demandas técnicas do sector. Ao abeiro deste acordo, establécese un compoñente social fundamental polo que se compensará economicamente ás mariscadoras que participen nas tarefas de recuperación con ata 700 euros mensuais, equivalentes ao salario mínimo interprofesional (SMI) para traballadores eventuais, asegurando así un sustento económico alternativo mentres dure o cese de actividade extractiva.
Inmobilismo estatal
“Mentres a Xunta cumpre co sector mobilizando recursos, o Goberno central segue instalado no inmobilismo”, denunciou a conselleira Marta Villaverde, quen afeou ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións que aínda non materializase as exencións das cotas á Seguridade Social para as mariscadoras afectadas.
A titular de Mar lembrou que a Xunta solicitou formalmente esta medida ao ISM o pasado 13 de marzo sen recibir resposta oficial ata hoxe, a pesar de que a Consellería xa emitiu as resolucións de suspensión da extracción en 29 plans de xestión. Villaverde lamentou esta falta de implicación do Estado, criticando que Galicia —declarada zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil— continúe sen recibir recursos económicos estatais fronte a outras comunidades que si recibiron apoios polas consecuencias da sucesión de borrascas.
Intervención integral
O proxecto de restauración prevé a mobilización progresiva de ata 21 profesionais e focalizarase na franxa comprendida entre o regato Aduana e a punta do Ferrazo. O plan de traballo recolle unha intervención integral para recuperar a biodiversidade e mellorar os ecosistemas nun total de oito bancos marisqueiros emblemáticos da entidade, entre os que destacan Corón, Borreiros ou Parques do Rial, sumando unha superficie total de actuación de 213.487 metros cadrados.
Entre as accións técnicas programadas, procederase á descompactación con medios mecánicos do substrato mediante un arado remolcado para osixenar o fondo, á retirada manual de lixo mariño e restos orgánicos nun espazo de case 168.000 metros cadrados, e a execución de labores de control de depredadores e competidores das especies comerciais. Así mesmo, o documento recolle o obxectivo de incrementar a biomasa mediante a sementeira de 400.000 unidades de ameixa no banco de Parques do Rial, accións que se complementarán con tarefas de vixilancia e mostraxe e con xornadas de capacitación dixital do colectivo marisqueiro na aplicación Xesmar.
Esta nova sinatura forma parte do plan de choque global activado pola Xunta de Galicia para a mellora do medio mariño. Este programa extraordinario conta cun investimento conxunto de 22,7 millóns de euros, cofinanciado nun 70 % a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), destinado a blindar o futuro e a sustentabilidade do marisqueo galego.