A Xunta dá a benvida ao novo equipo directivo do Campus Terra
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, reúnese co vicerreitor de Innovación e Transferencia de Coñecemento e coa directora do campus lucense
Reitera o compromiso do Goberno galego con esta estratexia de especialización da Universidade de Santiago de Compostela, na que está a investir máis de 13,5 M€
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, vén de reunirse co vicerreitor de Innovación e Transferencia de Coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela, Marcelo Maneiro, e coa directora do Campus Terra, Marta Miranda, un encontro co que a Xunta de Galicia dá a benvida ao novo equipo directivo deste campus de especialización lucense da USC.
No transcurso da reunión de traballo analizáronse os retos do Campus Terra nos próximos anos, que se realizarán ao abeiro do novo convenio para desenvolver a súa estratexia de especialización no período 2026/29. Este acordo está dotado con 4, 7 M e eleva a máis de 13,5 M€ o investimento que o Goberno galego leva feito neste Campus desde 2013.
Tal e como explicou o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, grazas a este apoio e ao traballo da USC, o Campus Terra ten realizado importantes avances tanto no incremento de alumnos como na posta en marcha de novas titulaciónscomo os graos en Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía e en Robótica ou o máster en Xenómica e xenética, entre outros. No que atinxe á investigación, destacou a creación do centro de investigación iTERRA–Instituto de Investigación Saúde Global e Desenvolvemento Sostible.
O secretario xeral reiterou o compromiso da Xunta con esta proposta, que ten como obxectivo converterse nun referente científico e social en ámbitos tan importantes para Galicia como do uso sostible do territorio, a sanidade animal e vexetal, a biodiversidade, a seguridade alimentaria e a saúde ambiental, todos eles ademais estreitamente vencellados á contorna da provincia lucense.