Arias recibe ao atleta Javo Orejas, que vén de completar en Sudáfrica a maratón de Cidade do Cabo
Lugo, 28 de maio de 2026
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, recibiu hoxe na sede da Xunta ao atleta Javo Orejas, ao que felicitou por sumar un novo éxito na maratón de Cidade do Cabo, en Sudáfrica, celebrada o pasado domingo.
Arias gabou o desempeño de Javo Orejas, “porque o desafío nunha carreira destas características é chegar á meta, pero el ademais conseguiu unha posición moi meritoria”. Completou os 42,2 quilómetros en 4 horas e 4 segundos, rematando no posto 5.806 de 18.513 participantes.
A maratón de Cidade do Cabo é unha das grandes citas do calendario internacional, candidata a ingresar no “Abbott World Marathon Majors”, o circuíto das sete maratóns máis emblemáticas do mundo. O deportista de Rábade conquistou todas elas: Tokio, Boston, Londres, Berlín, Nova York, Chicago e por último Sidney, que correu o pasado mes de agosto no que supuxo o debut da proba como membro da elite dos Majors.