A Xunta loita contra o abandono escolar no IES Catabois co programa ‘Impulso Mentor’
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu hoxe a unha charla celebrada ao abeiro desta iniciativa
O programa, enmarcado na Estratexia de inclusión educativa da Xunta, conta coa colaboración da Fundación Secretariado Xitano
Ferrol, 28 de maio de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou xunto ao director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Santiago Freire, o IES de Catabois, onde asistiron a unha charla dirixida a alumnos de 1º e 2º da ESO no marco do programa Impulso Mentor. Esta iniciativa do Goberno galego, enfocada na prevención do abandono escolar entre o alumnado de etnia xitana, arrincou este curso coa colaboración da Fundación Secretariado Xitano.
Ao abeiro de Impulso Mentor, os centros desenvolven tres tipos de iniciativas: mentorías, sesións grupais e clases de reforzo fóra do horario lectivo. No caso das mentorías, cada centro selecciona entre tres e cinco alumnos para participar nun proceso de asesoramento e acompañamento en sesións individuais. No caso das sesións grupais, trátase de charlas de 50 minutos impartidas por profesionais con experiencia en cultura xitana para dar a coñecer as súas tradicións, valores e patrimonio cultural. Finalmente, o reforzo das competencias clave fóra do horario lectivo desenvólvese a través de titorías personalizadas e sesións de apoio educativo cunha duración de dúas horas semanais.
Durante a visita, Aneiros remarcou a importancia da educación “como ferramenta de futuro” e destacou iniciativas coma esta, “que tenden pontes e demostran, unha vez máis, que todos somos iguais e debemos ter as mesmas oportunidades”, puntualizou. Aproveitou tamén para animar á mocidade a continuar coa súa formación e “a aproveitala ao máximo”.
O programa Impulso Mentor, enmarcado na Estratexia de inclusión educativa da Xunta, ten como obxectivo motivar e acompañar ao alumnado desta etnia, evitando que abandone o sistema educativo. Para iso, preséntanselles referentes que melloran a súa confianza en si mesmos e que lles amosan as diferentes posibilidades de desenvolvemento académico e persoal.
Nesta mesma liña, a Consellería de Educación ten a disposición do sistema educativo unidades didácticas sobre o pobo xitano para promover o coñecemento da súa historia e riqueza cultural, adaptados ás etapas de Educación Infantil, Primaria e ESO.