Belén do Campo anima a aproveitar os Bonos Activa Comercio e informa que se incorpora como novidade un sorteo nas redes sociais
A delegada explicou que a cidadanía pode descargar un bono desconto de ata 30 euros para utilizar nas tendas adheridas ata o esgotamento do crédito dispoñible ou do orzamento global da convocatoria
Os Bonos Activa Comercio levan, esta mañá, arredor de 120.500 bonos descargados en toda Galicia. Ademais, nos preto de 6.300 negocios adheridos ata o momento lévase trocado máis de 1 millóns de euros en descontos, cunha mobilización total de vendas que supera os 4,5 millóns de euros
Como principal novidade, este ano realizarase un sorteo complementario a través das contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram de catro bonos adicionais por importe de 250 euros
En total, a Xunta de Galicia prevé destinar inicialmente 5M€ durante 2026 a esta campaña pioneira, coa que busca revalidar o éxito dunha iniciativa que desde 2021 xa leva mobilizados máis de 122 M€
Cee (A Coruña), 28 de maio de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe en Cee dous establecementos Máis Deporte e Opticalia Cee para animar á veciñanza a descargar e facer uso dos bonos Activa Comercio, cuxo prazo de solicitude abriu onte e que, segundo as previsións, poderían esgotarse nos próximos días debido á elevada demanda.
Durante a visita, puxo en valor o impacto desta iniciativa para reforzar o comercio de proximidade e favorecer o consumo nos negocios locais, salientando que se trata dunha medida consolidada dentro das accións impulsadas pola Xunta no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
A representante autonómica lembrou que esta nova convocatoria conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e estima mobilizar arredor de 8,5 millóns de euros en vendas no conxunto da comunidade. Ademais, destacou que a Xunta de Galicia prevé destinar inicialmente 5M€ durante 2026 a esta campaña pioneira, coa que busca revalidar o éxito dunha iniciativa que desde 2021 xa leva mobilizados máis de 122 M€
No encontro cos propietarios de Máis Deporte e Opticalia Cee, a delegada agradeceu a implicación do sector comercial na campaña e sinalou que os Bonos Activa Comercio levan, esta mañá, arredor de 120.500 bonos descargados en toda Galicia. Ademais, nos preto de 6.300 negocios adheridos ata o momento lévase trocado máis de 1 millóns de euros en descontos, cunha mobilización total de vendas que supera os 4,5 millóns de euros.
No caso da provincia da Coruña, hai 2.300 comercios participantes, nos que se levan trocado 308.000 euros en descontos, cunha mobilización total de vendas de arredor de 1,3 millóns de euros
A delegada da Xunta tamén destacou quena comarca de Bergantiños-Costa da Morte están adheridos máis de 225 negocios, cifras que reflicten —indicou— “a confianza do pequeno comercio nun programa que beneficia tanto aos establecementos como ás persoas consumidoras”.
Os bonos poden descargarse desde a web bonosactivacomercio.gal e permiten acceder a descontos de ata 30 euros nas compras realizadas nos comercios participantes. O sistema aplica diferentes descontos segundo o importe da compra: 5 euros para compras entre 20 e 30 euros; 10 euros nas compras entre 30 e 50 euros; e 15 euros para importes superiores.
A representante do Goberno autonómico tamén destacou como novidade desta edición a posta en marcha dun sorteo complementario a través das redes sociais oficiais da Xunta en Instagram e TikTok, co obxectivo de contribuír á promoción do comercio local. Entre as persoas que empreguen os bonos e participen nas publicacións da campaña sortearanse catro bonos adicionais de 250 euros para consumir nos establecementos adheridos.
Finalmente, lembrou que cada persoa poderá descargar un único bono nesta primeira convocatoria e insistiu na importancia de facelo canto antes, xa que os fondos dispoñibles son limitados e a previsión é que se esgoten rapidamente.