Galicia recoñece unha nova OPP e lidera o número de organizacións de produtores pesqueiros en España

Co recente recoñecemento de Amescruz, Sociedade Cooperativa Galega (OPP-99), a comunidade conta con dez OPPs autonómicas, o que supón o 33 % das existentes no conxunto do Estado

O director xeral de PAIT, Isaac Rosón, reuniuse con representantes da nova organización no marco da escoita activa ao sector

Santiago de Compostela, 28 de maio do 2026

Co recoñecemento de Amescruz, Sociedade Cooperativa Galega como nova Organización de Produtores Pesqueiros, coa denominación de OPP-99, Galicia lidera o número de OPP de ámbito autonómico no conxunto do Estado, unha proba máis de que a nosa comunidade mantén o seu papel de referente no ámbito pesqueiro e acuícola. Concretamente, das 32 entidades existentes en España, dez sitúanse en Galicia, é dicir, case o 33 %.

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse con representantes desta nova entidade, que agrupa a 116 asociados da produción de mexillón e xestionan un total de 154 bateas, dentro da escoita activa ao sector e co obxectivo de avanzar no fortalecemento da actividade acuícola galega tanto en termos de competitividade como de sustentabilidade e valorización dos produtos do mar.

As Organizacións de Produtores Pesqueiros son entidades recoñecidas oficialmente no marco da Política Pesqueira Común (PPC) da Unión Europea. A súa finalidade é contribuír á xestión sostible dos recursos mariños, favorecer unha mellor planificación da produción e reforzar a comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura. Ademais, desenvolven plans de produción e comercialización destinados a adaptar a oferta ás necesidades do mercado, incrementar o valor engadido das capturas e promover prácticas respectuosas co medio mariño.

A Xunta mantén unha aposta decidida polo fortalecemento das OPP a través de distintas liñas de apoio financiadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Neste sentido, na última convocatoria executada, correspondente ao exercicio 2025, para actuacións desenvolvidas no 2024, a Consellería do Mar destinou máis de 2,3 millóns de euros ás axudas para os plans de produción e comercialización destas entidades.

Estas achegas permitiron reforzar a estrutura e funcionamento das organizacións profesionais do sector, impulsar proxectos de innovación e sustentabilidade e avanzar na modernización da cadea mar-industria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2026