A Xunta destaca os case 200.000 € investidos na praza de abastos de Salceda de Caselas para potenciala como eixe vertebrador do comercio da contorna
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu esta tarde ao acto de inauguración das instalacións tras a reforma executada co apoio do Goberno galego
Aproveitou para poñer de relevo o Plan autonómico de impulso da Rede de Mercados Excelentes en marcha, que rexerá a colaboración coas entidades locais de cara a dar pulo á calidade e excelencia das prazas de abastos da Comunidade
Salceda de Caselas (Pontevedra), 28 de maio de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu esta tarde ao acto de inauguración da praza de abastos de Salceda de Caselas, tras a reforma executada cun apoio de preto de 200.000 euros por parte da Xunta. Alí, destacou o compromiso do Goberno galego coa ampliación da Rede de Mercados Excelentes, que vén de motivar unha nova folla de ruta autonómica que rexerá a colaboración coas entidades locais de cara a dar pulo á calidade e excelencia das prazas de abastos e mercados da Comunidade.
Canto ás instalacións postas en valor hoxe, Alén destacou os traballos levados a cabo no pavimento, na disposición dos elementos de saneamento ou na accesibilidade, resaltando o seu efecto na mellora da atención á clientela. Celebrou que estas obras permitan potenciar o que cualificou como eixe vertebrador do comercio de Salceda de Caselas.
As actuacións executadas, segundo o director xeral, seguen a filosofía do que persegue a Xunta co seu Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes, que busca consolidar as prazas de abastos como puntos neurálxicos da comercialización de produtos frescos de proximidade, ademais de como centros de actividades complementarias que inciden de xeito decidido na dinamización das vilas e cidades galegas. O plan establece apoios por parte da Xunta de ata o 70 % co gallo de promover obras de reforma, mellora ou modernización nas instalacións que aspiren a obter o selo de Mercado Excelente, co obxectivo de acadar 25 espazos con este distintivo no horizonte de 2030.