Belén do Campo destaca a calidade e exclusividade do festival 'Noites do Porto' e pon en valor a colaboración da Xunta a través dos Concertos do Xacobeo
A delegada da Xunta salientou que iniciativas como esta “contribúen a proxectar a imaxe da Coruña como unha cidade viva, creativa e culturalmente dinámica”, ao tempo que favorecen a actividade económica e turística arredor da música en directo
A Coruña, 28 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na presentación oficial da sexta edición do festival Noites do Porto, unha cita musical consolidada xa como un dos grandes referentes culturais do verán galego e que este ano adianta a súa celebración para converterse nunha das primeiras propostas musicais da tempada estival.
A representante autonómica puxo en valor “a capacidade de Noites do Porto para medrar sen perder a súa esencia”, destacando especialmente “a súa aposta polas salas de concertos, pola proximidade co público e por unha programación exclusiva e de calidade, afastada dos macroeventos e comprometida co ecosistema cultural local”.
O festival celebrarase entre finais de xuño e principios de xullo e afronta a súa edición máis ambiciosa ata o momento, ampliando duración, espazos e contidos. A programación desenvolverase no peirao de Batería e en diferentes salas da cidade, consolidando a súa conexión coa Coruña e co tecido cultural urbano, cunha proposta que inclúe actuacións de Lela Soto o 22 de xuño no Jazz Filloa, Xoel López xunto a Caamaño & Ameixeiras o 23 de xuño no peirao de Batería, La Tania e Gitano de Palo o 25 de xuño no Garufa Club, Barry B e Vera Fauna o 26 de xuño no peirao de Batería, The Horrors o 27 de xuño na sala Inn Club, ELLiS·D e Apolo 18 o 28 de xuño na sala Mardi Gras, Curtis Harding o 30 de xuño na sala Inn Club, COTI e Monsieur Periné o 01 de xullo no peirao da Batería, María José Llergo o 2 de xullo no Teatro Colón, Nadadora e Sudden Ray of Hope o 03 de xullo no Garufa Club, e Myele Manzana o 05 de xullo no Jazz Filloa, configurando unha programación diversa que combina estilos e escenarios singulares.
A delegada da Xunta salientou que iniciativas como esta “contribúen a proxectar a imaxe da Coruña como unha cidade viva, creativa e culturalmente dinámica”, ao tempo que favorecen a actividade económica e turística arredor da música en directo.
Así mesmo, puxo en valor a colaboración da Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, un programa estratéxico que impulsa a música en directo e a descentralización cultural, reforzando a presenza de grandes citas musicais en todo o territorio galego e consolidando Galicia como destino cultural e musical de referencia. Neste sentido, subliñou que Noites do Porto encaixa plenamente cos obxectivos desta iniciativa, ao apostar por unha programación coidada, pola diversidade artística e pola posta en valor de espazos urbanos singulares.
A representante autonómica afirmou que esta colaboración “permite seguir fortalecendo o ecosistema cultural galego, apoiar ás salas de concertos e ofrecer ao público experiencias musicais de alto nivel nun formato próximo e sostible”.
A delegada felicitou á organización por “seguir facendo medrar un proxecto cultural sólido, innovador e diferencial” e reiterou o compromiso do Goberno galego co apoio á cultura e á música en directo como motor de cohesión social, dinamización económica e promoción do talento.