Diego Calvo pon en valor o apoio fundamental que prestan as unidades caninas aos servizos de emerxencias nos operativos de busca de persoas desaparecidas
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu a un exercicio práctico con unidades caninas no marco da segunda e última xornada do ‘Congreso autonómico sobre busca de persoas desaparecidas’ levado a cabo na Academia Galega de Seguridade Pública
A Estrada (Pontevedra), 29 de maio de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe a un dos exercicios prácticos con unidades caninas no marco do Congreso autonómico sobre busca de persoas desaparecidas que se leva a cabo desde onte na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e vai dirixida a forzas e corpos de seguridade e a servizos de emerxencias. A Academia organiza o evento precisamente xunto coa Unidade de rescate Cans de Salvamento de Galicia (Casaga). Nesta liña, Diego Calvo puxo en valor o apoio fundamental que representan estes equipos de cans adestrados e guías para os servizos de emerxencias que integran os dispositivos de busca de persoas desaparecidas.
Ademais desta demostración, na xornada de hoxe tamén se realizou outra con drons e púxose a proba a planificación e xestión dunha procura desde o Posto de Mando Avanzado (PMA). A xornada de onte centrouse en contidos máis teóricos con conferencias e mesas redondas de expertos co obxectivo de contextualizar esta problemática social e coñecer o traballo que realizan os medios que interveñen nos operativos, así como os protocolos de actuación ante unha desaparición.
Diego Calvo destacou a importancia de impulsar a formación dos diferentes efectivos que participan nestes operativos a través de iniciativas coma esta e incidiu na necesidade da coordinación á hora de abordar un caso de desaparición no que participan múltiples efectivos e recursos.