A delegación da Xunta en Lugo acollerá unhas xornadas culturais sobre a época clásica organizadas polo Grupo Vindicta
O encontro comezará o próximo luns e contará coa participación de recoñecidos especialistas en divulgación histórica e recreación, entre eles o escritor Juan Tranche
Lugo, 29 de maio de 2026
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo será a sede principal das ‘Xornadas Culturais da Época Clásica’, organizadas polo Grupo Vindicta de Recreación Histórica e que se desenvolverán ao longo da primeira quincena de xuño.
O encontro comezará o próximo luns 1 de xuño co relatorio ‘O agon clásico: ¿o importante é participar?’, a cargo do divulgador e recreador histórico Javier Romay, fundador da asociación Lucius Spiculus Divulgación. O ciclo continuará ao día seguinte coa participación do tamén divulgador e recreacionista Adrián Mirón, que falará sobre ‘Recuperar o ago: o deporte antigo fronte á modernidade’.
O escritor madrileño Juan Tranche será o protagonista das xornadas o día 12 de xuño, coa conferencia ‘O lecer en Roma’. Tranche conta con máis de vinte anos de experiencia no sector editorial e cunha ampla traxectoria de divulgación sobre a Antiga Roma. É autor das novelas ‘Spiculus’ e ‘Gladiadoras. El duelo de la eternidad’, nas que aborda o mundo dos gladiadores na Roma imperial.
Estes tres relatorios desenvolveranse no salón de actos da Delegación Territorial. Comezarán ás 19,00 horas e a entrada será libre e gratuíta, ata completar a capacidade.
Ademais das conferencias na sede da Xunta, as xornadas complétanse coa ponencia ‘El acutario’ do recreador e divulgador histórico Fernando Barriales que terá lugar o 11 de xuño no Vello Cárcere de Lugo, tamén a partir das 19,00 horas.
O delegado territorial, Javier Arias, puxo en valor o traballo do Grupo lucense Vindicta e destacou o interese destas novas xornadas culturais “para achegar ao público o legado clásico que segue tan vivo no noso presente desde unha perspectiva divulgativa e cultural”.