O titular de Sanidade, xunto coa delegada territorial da Xunta e o xerente da área sanitaria, supervisou o remate das obras deste centro sanitario da rede pública galega
Gómez Caamaño sitúa o centro de saúde de Moaña como referencia do novo modelo de infraestruturas de vangarda do Sergas
O Goberno galego investiu, entre obra e equipamento, 9,6 M€ nesta infraestrutura que se poñerá en servizo o 15 de xuño
Cunha superficie de 3.000 m², o novo centro triplica a superficie do actual
Conta con oito consultas de medicina xeral e oito de enfermería, dúas consultas de pediatría e dúas de enfermería pediátrica, ademais de área da muller
Permite centralizar novos servizos sanitarios como saúde bucodental, fisioterapia, que prestará servizo tamén polas tardes, ademais de contar con consulta de psicoloxía clínica
A apertura deste centro permitirá garantir a atención urxente á poboación os sete días da semana as 24 horas do día
Moaña (Pontevedra), 29 de maio de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, situou o centro de saúde de Moaña como a mellor referencia do novo modelo de infraestruturas de vangarda que impulsa o Servizo Galego de Saúde.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado da delegada territorial do Executivo galego en Vigo, Ana Ortiz, e do xerente da área sanitaria, Javier Puente, supervisou o remate das obras deste novo centro sanitario da rede pública galega, que contaron con financiamento europeo do programa operativo Feder Galicia 2021-2027.
Gómez Caamaño referiu que o día 15 de xuño se poñerá en servizo este novo centro de saúde, no que o Goberno galego investiu, entre obra e equipamento, 9,6 M€.
O novo centro triplica a superficie do actual e reúne os mellores estándares de calidade arquitectónica, accesibilidade e comodidade para os usuarios e para os profesionais. Ademais, está dotado con equipamento de última xeración.
Cunha superficie de 3.000 m2 construídos, o centro conta con oito consultas de medicina xeral e oito de enfermería. Tamén dispón de dúas consultas de pediatría e dúas de enfermería pediátrica, así como área da muller e outra para o persoal.
Tal e como detallou o conselleiro, o novo centro posibilita concentrar novos servizos sanitarios. En concreto, Gómez Caamaño citou a saúde bucodental, que contará cunha consulta de odontoloxía e outra de hixienista; e a fisioterapia, que vai ter unha consulta, unha área de recuperación de solo pelviano e unha sala de rehabilitación con catro cabinas.
Como novidade, o titular de Sanidade anunciou que a apertura do centro permitirá ofrecer servizos de fisioterapia tamén polas tardes.
Engadido ao anterior, estas novas instalacións contarán cunha das 28 consultas de psicoloxía de atención primaria que existen en Galicia, no marco da rede de psicoloxía de primaria posta en marcha pola Xunta.
A todas estas melloras, o conselleiro engadiu a reforma do consultorio de Domaio e a posta en marcha da nova ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería, que fan que o investimento da Xunta na sanidade pública deste concello supere os 10 M€ nos últimos anos.
Atención urxente
O titular da carteira sanitaria explicou que, despois de estudar en detalle desde o punto de vista técnico as diferentes alternativas, a apertura deste centro permitirá garantir a atención urxente á poboación os sete días da semana as 24 horas do día.
Deste xeito, o novo centro contará cun facultativo que atenderá as consultas urxentes da veciñanza de Moaña polas tardes e ata as dez da noite.
Para evitar que as urxencias queden desatendidas no caso de que se requira un servizo domiciliario, os desprazamentos asumirannos os facultativos das urxencias extrahospitalarias de Cangas.
Ademais, o conselleiro dixo que a Xunta ampliará de 12 a 24 horas o horario da ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería, que está a demostrar a súa enorme capacidade de resolución.
Esta ambulancia, que pasará a ter a súa base neste novo centro de saúde, conta coa dotación máis avanzada e todo o necesario para atender situacións de urxencia e emerxencia.
En consecuencia, referiu o conselleiro, coa ampliación de 12 a 24 horas todos os días da semana e a disposición dun médico para a atención das urxencias pola tarde, a posta en servizo do centro de saúde de Moaña permite garantir a atención sanitaria urxente de xeito permanente.
Todo este dispositivo -proseguiu o conselleiro- está deseñando para ofrecer a mellor resposta sanitaria á veciñanza do municipio sobre a base do informe técnico elaborado polo Sergas, e tendo en conta aspectos como o incremento da poboación durante o verán e o actual contexto de falta de médicos en atención primaria.
Para rematar a súa intervención, Gómez Caamaño dixo que, ao longo dos vindeiros meses, o seu departamento realizará un seguimento continuo do funcionamento do dispositivo e adoptará as decisións que resulten oportunas, no caso de ser necesario.