O delegado territorial da Xunta participou no IES Cidade de Antioquía do concello de Xinzo de Limia nun acto organizado co motivo do Día Mundial sen Tabaco, o vindeiro 31 de maio

Manuel Pardo alerta á mocidade e aos escolares da provincia de Ourense dos efectos nocivos do tabaquismo para a saúde e o medio ambiente

O delegado territorial salientou que a Consellería de Sanidade leva anos traballando en prevención e sensibilización fronte a esta adicción, non só con actos como este senón tamén coa colaboración con numerosas entidades na loita fronte ao tabaquismo, e especialmente, no ‘Programa Clases sen fume’

O lema escollido para este ano é ‘Desenmascaremos o seu atractivo: combatamos a adicción ao tabaco e á nicotina’ que pretende sensibilizar sobre as estratexias que empregan as industrias do tabaco e da nicotina para facer máis atractivos estes produtos

Manuel Pardo lembrou que Galicia é pioneira na prohibición de vapeadores en menores e alertou de que o 49,5% do alumnado entre 14 e 18 anos recoñece ter consumido cigarros electrónicos e o 27,8% pipas de auga, segundo a última enquisa sobre o uso de drogas en educación secundaria (ESTUDES, 2025)

Ourense, 29 de maio de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá no IES Cidade de Antioquía do concello de Xinzo de Limia nun acto organizado co motivo do Día Mundial sen Tabaco, o vindeiro 31 de maio, convocado pola OMS co obxectivo de sensibilizar á poboación fronte ao tabaquismo, non só como principal factor de risco en moitas  enfermidades crónicas e claramente evitables, senón tamén sobre o impacto ambiental da industria tabacalera. O lema escollido para este ano é ‘Desenmascaremos o seu atractivo: combatamos a adicción ao tabaco e á nicotina’ que pretende sensibilizar sobre as estratexias que empregan as industrias do tabaco e da nicotina para facer máis atractivos estes produtos, especialmente entre a mocidade, mediante sabores, deseños rechamantes e promoción en redes sociais.

Acompañado dos directores territoriais de Sanidade, Laura López, e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Jorge Rubén Sampedro, o delegado fixo un chamamento aos escolares e á toda mocidade da provincia para colaborar na loita contra o tabaquismo e tomar conciencia dos seus efectos nocivos para a saúde e o medio ambiente.

Para lograr dito fin, neste día Manuel Pardo explicou que porá o foco en informar sobre a forte adicción que xera a nicotina e como se deseñan os produtos actuais para facilitar esa dependencia, en diminuír a exposición a esta substancia, especialmente entre a mocidade,  así como, en apoiar ás persoas fumadoras que desexan deixar o consumo, promovendo hábitos saudables e acceso a recursos de axuda. Tamén buscará promover medidas de control que limiten tanto a publicidade como o deseño atractivo e a promoción destes produtos en calquera soporte.

O delegado territorial fixo referencia a que Galicia é pioneira na prohibición de vapeadores en menores, coa aprobación da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, en vigor desde o 7 de marzo. Nesta liña alertou de que o 49,5% do alumnado entre 14 e 18 anos recoñece ter consumido cigarros electrónicos e o 27,8% pipas de auga, segundo a última enquisa sobre o uso de drogas en educación secundaria (ESTUDES, 2025). Outros estudos afirman que a probabilidade de vapear é nove veces maior entre os adolescentes que entre os adultos, o que acredita que estes produtos sedutores están acadando as intencións perversas da industria tabaqueira.

Campaña de prevención

Manuel Pardo salientou que a Consellería de Sanidade leva anos traballando en prevención e sensibilización fronte a esta adicción, non só con actos como este senón tamén coa colaboración con numerosas entidades na loita fronte ao tabaquismo, e especialmente, no ‘Programa Clases sen fume’ no que alumnos e profesores dunha aula de 1º e 2º de ESO, comprométense a non fumar durante un período de 6 meses do curso escolar, e a elaborar e presentar 2 actividades relacionadas coa promoción da vida sen tabaco. Durante este curso 2025/2026 participaron, nesta provincia, 407 alumnos de 21 aulas de 8 centros educativos.

Este labor continuado reflíctese nunha clara liña descendente do consumo de tabaco, que rexistra en 2025 os niveis máis baixos da serie histórica e que se está a materializar en que 7 de cada 10 fumadores galegos xa teñen claro que queren deixar de fumar (SICRI 2024)

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2026