Belén do Campo pon en valor o Mercado de Elviña no seu 20 aniversario como “motor económico e social do barrio”

Este mercado consolidouse na súa ubicación actual como unha das prazas de abastos máis activas da cidade da Coruña. Hoxe conta cunha taxa de ocupación próxima ao 96%, con só dous postos libres, o que o sitúa entre os mercados máis dinámicos de Galicia.

A Coruña, 29 de maio de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola presidente da praza de abastos de Elviña, Leonardo Tomé, visitou hoxe o Mercado de Elviña con motivo da celebración do seu 20 aniversario desde a inauguración da actual praza na avenida de Salvador de Madariaga, unha efeméride que tamén se conmemorará mañá sábado 30 de maio cun amplo programa de actividades abertas á veciñanza, no día de maior afluencia do mercado. Neste senso, a delegada destacou a relevancia dos mercados como impulsores da venta de produtos de calidade como os peixes, mariscos, a carne, os queixos, a froita, produtos de horta, e de proximidade.

Durante a visita, a representante autonómica salientou o papel do Mercado de Elviña como “centro neurálxico do barrio e espazo de convivencia, compra de proximidade e dinamización económica”, destacando a súa capacidade para manter unha actividade constante ao longo de todo o ano e para adaptarse ás novas demandas sociais e comerciais sen perder a súa esencia tradicional.

O Mercado de Elviña, cuxa historia se remonta a décadas de evolución e esforzo colectivo —desde os seus inicios con preto de 130 locais na contorna de 1978, pasando por etapas de traslado e renovación tras o derrubo do antigo edificio no ano 2000—, consolidouse na súa ubicación actual como unha das prazas de abastos máis activas da cidade da Coruña. Hoxe conta cunha taxa de ocupación próxima ao 96%, con só dous postos libres, o que o sitúa entre os mercados máis dinámicos de Galicia.

Belén Do Campo puxo en valor a unidade, implicación e dinamismo do conxunto de praceiros e praceiras, encabezados polo seu presidente, Leonardo Tomé, a quen agradeceu o seu labor á fronte dunha etapa marcada pola modernización, a incorporación de novos negocios e a aposta pola promoción continua da praza. A delegada subliñou tamén o papel da remuda xeracional, que garante a continuidade dun modelo de comercio de proximidade vivo e con futuro.

Neste contexto, a representante autonómica explicou que a Xunta mantén en marcha distintas liñas de apoio orientadas á modernización e revitalización das prazas de abastos galegas, cun investimento global superior aos 2,3 millóns de euros para o período 2026-2027. Estas actuacións permiten mellorar as instalacións, incorporar novos servizos para a clientela, avanzar na transformación dixital dos mercados e impulsar campañas de dinamización e promoción comercial.

Así mesmo, destacou a importancia do programa Mercados Excelentes, unha iniciativa que recoñece aqueles mercados que sobresaen pola súa calidade, innovación, sustentabilidade e compromiso coa tradición comercial galega. Este selo inclúe asesoramento técnico especializado, acompañamento profesional e a elaboración de plans de mellora orientados a consolidar a excelencia dos espazos de venda de proximidade.

A delegada subliñou o compromiso da Xunta cos mercados —preto de 100 en toda Galicia distribuídos en 76 municipios—­, que continúan a ser espazos esenciais para garantir a calidade da oferta comercial, o abastecemento de proximidade e a conexión directa co territorio. Subliñou tamén o seu papel como motores de comercio de atracción e como lugares versátiles e con gran capacidade de adaptación e innovación fronte ás novas tendencias de consumo, que acollen accións culturais, iniciativas gastronómicas e propostas que favorecen novas sinerxías entre prazas de abastos, hostalaría e cociña.

“Seguiremos traballando da man dos concellos e dos profesionais dos mercados para garantir que as prazas de abastos galegas continúen sendo referentes de calidade, proximidade e dinamización económica”, concluíu a delegada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2026