O presidente da Xunta participou hoxe no acto de conmemoración do 25 aniversario do Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia

Rueda destaca o sector forestal-madeira como un gran motor económico e sostible para o desenvolvemento de Galicia

Salienta a súa capacidade para xerar riqueza, fixar poboación e reequilibrar o territorio ao representar ata o 50% do emprego industrial en moitos municipios

Sinala que a principios deste verán presentarase o Plan director do sector para seguir impulsando a súa competitividade, que tamén é sinónimo desa Galicia Calidade que sae ao exterior

Lembra o compromiso da Administración autonómica co uso deste material, fixando o obxectivo de que o 20% das novas edificacións públicas empreguen madeira na súa estrutura

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o papel do sector forestal-madeira como un motor económico e un referente de sustentabilidade ambiental en Galicia e tamén no exterior. 

Así o destacou este mediodía no acto de conmemoración do 25 aniversario do Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia, de quen destacou a súa evolución desde o seu nacemento no ano 2001 —grazas á alianza de empresas pioneiras, o CIS Madeira e a Universidade de Vigo— ata aglutinar hoxe a toda a cadea de valor da industria madeireira, desde o monte ata o canal contract. Así, asegurou que “os clústeres son fundamentais porque facilitan moito as relacións e as tomas de decisións para ser eficaces”.

O presidente subliñou o liderado de Galicia como potencia forestal con datos consolidados no ano 2025, no que o sector acadou unha facturación anual de “máis de 2.500 M€ e representa xa o 1,7% do PIB galego”. Do mesmo xeito, destacou que “superou os 1.200 M€ en exportacións” e que “practicamente todos os concellos de Galicia, o 95% dos 313, teñen algunha parte da súa actividade económica relacionada coa madeira”.

Así, valorou o feito de que sexa o sustento de preto de 20.000 familias e a súa capacidade para xerar riqueza, fixar poboación e reequilibrar o territorio. “Nalgúns municipios, especialmente os de carácter rural, o sector da madeira representa o 50% da súa actividade industrial”, engadiu.

Por este motivo, reafirmou o compromiso da Xunta con este “sector declarado estratéxico” polo Goberno galego –xunto ao da automoción, construción naval, loxística industrial, metalmecánico, TIC, industria alimentaria, téxtil e confección e industria da construción– e indicou que “antes de que remate este segundo semestre do ano estará presentado o seu Plan director, o cal nos permitirá traballar aínda de xeito máis estreito”. Unha folla de ruta que busca potenciar, incrementar a súa competitividade e xerar emprego de calidade nunha industria que é sinal desa Galicia Calidade que sae ao exterior. “Vas por moitísimos sitios e cando alguén di ‘que bonito é’, hai que dicir, ‘pois está feito en madeira e está feito en Galicia", indicou.

Así mesmo, recordou que os orzamentos deste ano incrementaron “un 23,7% a partida da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) ata chegar aos 24 M€”, destinados a apoiar ás empresas nos seus retos de innovación, modernización e dixitalización.

A madeira como solución sostible

O xefe do Executivo galego defendeu a necesidade de aproveitar o potencial que ten a madeira con “sentidiño” e responsabilidade por exemplo, en ámbitos como a construción, xa sexa de obra nova ou rehabilitación. “En Galicia somos unha potencia na produción deste recurso, e iso temos que coidalo tamén moitísimo”, indicou.

Para predicar co exemplo, a Xunta mantén o obxectivo progresivo de que o 20% das edificacións da Administración pública galega empreguen madeira na súa estrutura. Como mostras desta aposta, o presidente citou os novos centros de saúde que se promoven na Laracha, Porriño, Moaña ou Antas de Ulla, así como as vivendas públicas de San Paio de Navia en Vigo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2026