A Xunta publica os listados de admitidos nas súas escolas infantís para o curso 2026-2027
As familias cuxos fillos obtiveran praza deberán formalizar a matrícula do 1 ao 12 de xuño
As clases comezarán o vindeiro 4 de setembro e a atención educativa será de novo gratuíta para o 100% do alumnado e en todos os centros 0-3 de Galicia, con independencia da súa titularidade
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a resolución do proceso de admisión nas escolas infantís que dependen da Xunta de Galicia: as da Axencia Galega de Servizos Sociais (Agass) e as do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Os listados de admitidos pódense consultar na páxina web da Consellería de Política Social e Igualdade.
As familias cuxos fillos obtiveran praza teñen dez días hábiles para formalizar a matrícula (do 1 ao 12 de xuño). Hai que ter en conta que hai familias admitidas que tamén obtiveron praza noutras escolas infantís de Galicia, por exemplo, as municipais. Así mesmo, nos listados hai casos de duplicidade, con familias admitidas en máis dun centro da Administración autonómica, xa que se pode solicitar praza en máis dun. Por iso, unha vez concluído este período de matriculación, a Xunta irá adxudicando as prazas que queden libres ás familias que a solicitaran e non a obtiveran nesta primeira fase.
O curso escolar 2026-2027 comezará o vindeiro día 4 de setembro. A atención educativa 0-3 será de novo gratuíta, para todo o alumnado e en todos os centros, con independencia da súa titularidade (pública, de iniciativa social ou privada). Este programa da gratuidade permite que Galicia lidere a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil, con case un 65% e 15 puntos por riba da media nacional.
Galicia foi pioneira en facer gratuítas todas as escolas infantís. Grazas a esta medida, máis de 32.000 familias poden levar aos seus fillos a escola infantil que elixan, na que recibirán atención educativa de balde oito horas ao día e once meses ao ano.
O Executivo autonómico destina máis de 68 millóns de euros anuais de fondos propios a este programa da gratuidade, que supón para os fogares un aforro de arredor de 4.000 euros.