Roma acolleu a terceira xuntanza dun proxecto europeo que ten por obxectivo transferir e implantar boas prácticas no ámbito da atención primaria
Galicia participa na xuntanza anual do proxecto CIRCE no que exporta o sistema de telemonitorización domiciliaria do Sergas a 3 rexións europeas
A Plataforma de Teleasistencia Domiciliaria (TELEA), está a ser implementada nas rexións europeas de Norrbotten (Suecia) e no Piemonte e Emilia-Romagna (Italia)
O programa europeo CIRCE ten unha duración de 3 anos e conta cun orzamento que supera os 12,2 millóns de euros
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2026
Representantes do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) participaron esta semana en Roma na terceira reunión anual do proxecto europeo CIRCE, un programa no que Galicia está a exportar a súa Plataforma de Teleasistencia Domiciliaria (TELEA) a tres rexións europeas.
A sede Agenzia Nazionale per i Servizi Sanitari Regionale (Roma) acolleu a terceira xuntanza dun proxecto europeo que ten por obxectivo transferir e implantar boas prácticas no ámbito da atención primaria.
Galicia estivo representada polo director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), José María Romero, e polo técnico da Subdirección Xeral de Integración e Innovación Sanitaria do Sergas, Pablo Cofreces.
Este novo encontro serviu para afondar no avance da implantación dos seis pilotos previstos neste proxecto e no que Galicia participa como prescriptor da boa práctica no ámbito da teleasistencia nas rexión italianas de Piemonte e Emilia-Romanga e na rexión de Norbotten, en Suecia.
A reunión do CIRCE-JA permitiu analizar as actividades realizadas durante o último ano, ademais de posibilitar a cooperación e o diálogo entre as rexións participantes.
Así mesmo, xerouse un espazo de traballo no se programaron as vindeiras liñas de traballo ata a fin de proxecto, co obxectivo de garantir a efectiva implementación das 6 boas prácticas da atención primaria de 4 estados membros (Bélxica, España, Portugal e Eslovenia) para seren transferidas a outros 12 países participantes.