Representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e da Asociación Galega de Fibrose Quística acudiron ao evento final do programa europeo

A Xunta e a Asociación Galega de Fibrose Quística participan no proxecto ‘Invest4Health’ na procura de novos modelos de financiamento orientados a prevención de enfermidades e á promoción da saúde

O encontro acolleu a responsables políticos, expertos europeos e investidores para avanzar en novos enfoques de investimento vencellado á saúde e o benestar

Invest4Health é unha iniciativa financiada polo programa Horizonte Europa con 5,5M €, e orientada ao desenvolvemento de modelos innovadores de financiamento para a promoción da saúde, a prevención de enfermidades e a redución das desigualdades en saúde

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2026

Unha delegación galega, conformada por representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e da Asociación Galega de Fibrose Quística participou no evento final do programa Invest4Health: O proxecto europeo que ten por obxectivo acadar novos modelos innovadores de financiamento para promocionar a saúde e a prevención das enfermidades.

O Comité Europeo das Rexións (Bruxelas) acolleu unha xornada que reuniu a responsables políticos, expertos internacionais, investigadores e  profesionais da saúde, ademais de especialistas do ámbito financeiro, para analizar como avanzar cara a modelos de investimento máis sostibles e orientados á prevención.

Baixo o lema Mobilising New Financial Approaches for Equitable Health and Wellbeing, o evento serviu para presentar os principais resultados acadados ao longo dos máis de tres anos de duración do proxecto e debater as posibilidades de aplicación práctica dos modelos desenvolvidos.

A comunidade galega contou coa representación do director da área de Desenvolvemento de Innovación Sanitaria de ACIS, José María Romero, da xestora da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Beatriz Salgado e do presidente da Asociación Galega de Fibrose Quística, Juan Antonio da Silva.

No marco do encontro, Galicia participou como rexión piloto presentando a súa experiencia no desenvolvemento dun proxecto centrado na telemedicina para mellorar a atención a pacientes con fibrose quística a través da ferramenta TELEA do Servizo Galego de Saúde. 

Esta iniciativa explora novas fórmulas de financiamento baseadas no modelo Smart Capacitating Investment (SCI), orientadas a reforzar a prevención, mellorar os resultados en saúde e promover unha atención máis personalizada e eficiente.

Durante o evento abordáronse cuestións relacionadas coa mobilización de investimento público e privado en saúde, a escalabilidade dos modelos de financiamento innovadores, os mecanismos de gobernanza e as implicacións políticas da incorporación de novas fórmulas de investimento en promoción da saúde e benestar.

Así mesmo, as rexións piloto compartiron experiencias e aprendizaxes derivadas da implementación das accións desenvolvidas no marco do proxecto e analizaron os seguintes pasos a dar para garantir a continuidade e a transferencia dos resultados acadados unha vez rematada esta iniciativa europea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2026