A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e a alcaldesa asinaron hoxe o protocolo de colaboración que permitirá executar esta infraestrutura
A Xunta destinará 140.000 euros á construción dun parque canino de máis de 3.700 m2 na cidade de Lugo
O Goberno galego asumirá o custo total e a execución da obra e o Concello porá á disposición os terreos necesarios para construílo na zona do parque de San Xillao e se encargará do mantemento e conservación das instalacións unha vez rematadas
Ángeles Vázquez salienta a importancia de que a cidadanía poida dispoñer deste tipo de dotacións nos seus municipios, especialmente nas grandes urbes, que concentran o 20% dos case 740.000 cans rexistrados como animais de compañía en toda Galicia
No caso de Lugo, explicou que é a terceira cidade galega con máis cans rexistrados, cun total de 22.158, o que significa que no municipio hai 1 can por cada 5 veciños
Tras lembrar que o parque canino de Ferrol foi o primeiro promovido co apoio da Xunta na Comunidade, explica que tamén se asinaron acordos cos concellos de Ourense e Pontevedra e estase a analizar a proposta remitida polo de Santiago
Lugo, 29 de maio de 2026
A Xunta de Galicia destinará un orzamento estimado en 140.000 euros á construción dun parque canino municipal na cidade de Lugo, concretamente na zona de San Xillao. Será unha área de ocio e esparexemento de máis de 3.750 metros cadrados, deseñada para que os cans poidan correr, xogar e relacionarse con outros animais con liberdade e sen necesidade de correas ou bozos.
A futura infraestrutura será posible grazas ao protocolo asinado esta mañá entre a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, para fixar os termos concretos da súa colaboración.
Tal e como explicaron, o departamento autonómico asumirá o custo íntegro da actuación e licitará os traballos construtivos mentres que o Concello porá á disposición os terreos necesarios e, unha vez rematadas as obras, recibirá as instalacións e farase cargo do seu posterior mantemento e conservación.
En canto ao parque, será un espazo valado para que os animais non podan saír do recinto e estará equipado con papeleiras especiais e dispensadores de bolsas hixiénicas para recoller as deposicións, fontes adaptadas para cans, área de xogo con obstáculos e ramplas para facilitar o exercicio e unha zona de lavado con baño. Ademais, tamén terá bancos para as persoas usuarias e vexetación e árbores para garantir zonas de sombra.
Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou a importancia que ten para as persoas con animais de compañía dispoñer nos seus municipios deste tipo de espazos dotacionais, ben equipados e o suficientemente amplos. De feito, incidiu en que a necesidade de parques caninos é aínda maior nas sete grandes cidades, onde vive máis do 20% dos case 750.000 cans inscritos no Rexistro galego de identificación de animais de compañía.
No caso particular do concello de Lugo, a conselleira explicou que é a terceira urbe galega con máis cans rexistrados, cun total de 22.158, o que significa que no municipio hai un can por cada cinco veciños.
Por iso, salientou que o acordo asinado esta mañá exemplifica o compromiso asumido pola Xunta de Galicia co benestar animal a través da súa colaboración cos concellos urbanos para dotalos de parques caninos.
Ao respecto, lembrou que o primeiro destes espazos foi o de Ferrol, rematado xa a finais do ano pasado, e que a día de hoxe o seu departamento xa asinou protocolos de colaboración cos concellos de Ourense e de Pontevedra para promover este ano cadanseu parque e está a analizar tecnicamente a proposta de localización que lle trasladou o de Santiago.
Outras accións de benestar animal
Ademais de impulsar os parques caninos urbanos, neste ano 2026 a Xunta tamén dará outro paso importante en materia de benestar animal. Así, nos vindeiros meses comezarán as obras do Centro de Protección Animal de Galicia, o primeiro de carácter autonómico e baixo a titularidade do Goberno galego. A futura infraestrutura, localizada en Curtis, terá un custo de 4,5 millóns de euros e dará servizo a uns 500 animais.
Do mesmo xeito, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén convocou este ano por un importe global de 1,36 millóns de euros axudas tanto para concellos e entidades que se ocupan de atender e coidar aos animais de compañía abandonados; como para particulares co fin de fomentar a adopción dos mesmos.