Os contribuíntes galegos xa se están a beneficiar na campaña da renda 2025 das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia

A Xunta colabora con 36 funcionarios na campaña de atención aos contribuíntes para a elaboración da renda 2025

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026

Hoxe abre o prazo de solicitude de cita para que, a partires do luns, 1 de xuño, a administración tributaria axude ás persoas que o desexen a confeccionar a autoliquidación do IRPF de xeito presencial. Os contribuíntes galegos xa se benefician desde o pasado mes de abril, cando se iniciou a Campaña da Renda 2025, das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia. Así, as novas deducións autonómicas establecidas pola Xunta permitirán aforrar aos contribuíntes galegos case 47 millóns de euros nesta campaña.

Cómpre salientar que Galicia foi a primeira comunidade en equiparar fiscalmente no IRPF ás familias de dous fillos coas familias numerosas. Deste xeito, as familias con dous fillos poden deducir 250€, un incentivo que ata o 2023 tiñan so as familias numerosas (250€ as de categoría xeral e 400€ as de especial) que se dobrou para as familias de tres fillos (500€). En total son case 160.000 familias, entre numerosas e con dous fillos, as que resultarán beneficiadas na súa declaración. Esta cantidade increméntase noutros 250€ por cada fillo a maiores (a partir de tres).

Tamén están vixentes deducións referidas ao nacemento ou adopción de fillos, ao coidado de fillos menores e ás persoas con discapacidade de 65 ou máis anos que precisen axuda de terceiros. Abundando nas medidas de protección ás familias, na campaña da renda de 2025 os contribuíntes galegos poderán tamén aproveitar a mellora aplicable dende o ano pasado na dedución por acollemento familiar, de forma que aplicarán sempre 300 € con independencia da súa duración.

Na campaña deste ano seguen tamén vixentes as numerosas medidas de alivio fiscal postas en marcha polo Goberno galego nos últimos anos para loitar contra a suba de prezos e que posibilitaron un aforro de 128 M€ desde o ano 2022. Así, os contribuíntes galegos volverán aplicar a deflactación dos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF e a rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar incrementados nese mesmo ano.

Novidades no ano 2025

Nesta campaña a cidadanía galega poderá aplicar deducións novas polas axudas obtidas para paliar os danos dos incendios acaecidos en Galicia no ano 2025, poderán deducir o 15 % das cantidades satisfeitas para a adquisición de libros de texto e material escolar, e poderán aplicar deducións polas axudas recibidas polas persoas doentes de ELA e polas persoas afectadas pola talidomida.

E tamén poderán aplicar deducións autonómicas pola posta en aluguer de vivendas baleiras. Por unha banda, poderán deducir o 15 % das cantidades satisfeitas para a adecuación de inmobles baleiros con destino ao  arrendamento de vivenda e, por outra, poderá aplicar unha dedución de 500€ por cada vivenda baleira que se poña en arrendamento.

Deducións para vivenda

No que se refire a deducións por vivenda, para aluguer poden acollerse os contribuíntes de idade igual ou inferior a 35 anos. Tamén se aplican para os investimentos en instalacións de climatización e/ou auga quente sanitaria que empreguen enerxías renovables na vivenda habitual, e para obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou en vivendas unifamiliares, así como polos gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías nos fogares galegos.

Tamén se establecen vantaxes fiscais para a rehabilitación de bens inmobles en centros históricos e para a adquisición ou rehabilitación de vivendas en aldeas modelo.

Outras deducións autonómicas

No que se refire ás empresas, existen deducións por investimento en empresas agrarias, pola compra de accións ou participacións en entidades novas ou de recente creación, por investimentos realizados en entidades cotizadas no mercado alternativo bolsista, por donativos a centros de investigación de universidades galegas e dos promovidos ou participados pola Xunta.

Para seguir apoiando ás empresas galegas, na presente campaña habilitouse, ademais, unha nova dedución para os contribuíntes que adquiran accións ou participacións en empresas de especial interese público, social ou económico conforme á lei reguladora dos proxectos que utilizan recursos naturais de Galicia. A porcentaxe de dedución é do 20%, e aplicarase sobre a base constituída polas cantidades investidas no exercicio, cunha base máxima total de 10.000 € por entidade.

Por outra banda, tamén os deportistas de alto nivel poden deducir as axudas e subvencións recibidas.  

Colaboración da Xunta

No acto conxunto da Agencia Estatal de Administración Tributaria en Galicia (AEAT) e a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), que tivo lugar hoxe na delegación de A Coruña, a directora da Atriga, Sonia Lafont, recordou que a Xunta de Galicia vén colaborando coa Axencia estatal dende o 2008 e valorou moi positivamente esta colaboración. A Atriga achega, desde o 6 de maio, 36 persoas que atenden aos cidadáns no Plan Chamásmolle e que, a partires do próximo luns, atenderán presencialmente aos cidadáns axudándolles a cumprir coa obriga da presentación da súa declaracións.

Ademais de estar presente como en anos anteriores nas 7 plataformas conxuntas nas principais cidades de Galicia: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, a Atriga este ano colabora noutras 6 administracións máis: Betanzos, Carballo, A Estrada, Vilagarcía, Ponteareas e Tui. Na última campaña, o número de asistencias prestadas foi de 26.558.

 

 

Data de actualización: 29/05/2026