Martina Aneiros participa no VI Festival Ilustrado de Ferrol
Ferrol, 29 de maio de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe no pasarrúas ilustrado que percorreu o barrio da Madalena. A cita enmárcase no VI Festival Ilustrado de Ferrol, que cada ano leva á cidade a rememorar o seu pasado con actividades e caracterizacións sacadas do século XVIII.
Despois de realizar o percorrido, a delegada participou na entrega de diplomas aos ilustrados do ano. Nesta ocasión recibiron o recoñecemento Fernando Iguacel, presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa, Jaime Antón, responsable do servizo de historia e cultura do Museo Naval da cidade, e Esperanza Piñeiro, historiadora e Ferrolá do Ano 2025.
Este evento, único en España, ten o obxectivo de fortalecer e impulsar a Candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial. Esta sexta edición coincide ademais co 300 aniversario da designación da cidade como capital do Departamento Marítimo do Norte, o que deu nacemento a ese Ferrol Ilustrado e á cidade que hoxe coñecemos.