Arias traslada a ‘Star dance’ as felicitacións da Xunta polos grandes resultados acadados no Campionato de España de hip hop
Lugo, 29 de maio de 2026
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, trasladou hoxe as felicitacións da Xunta ao club Star Dance da cidade polos grandes resultados que veñen de acadar no Campionato de España de Hip Hop.
Arias mantivo un encontro na Delegación Territorial con integrantes da escola, da que salientou o papel que están a xogar situando a Lugo como un referente en disciplinas que teñen cada vez maior implantación a nivel nacional.
Así mesmo, o delegado subliñou a puxanza do baile deportivo en Galicia e a súa importancia para fomentar o deporte de base. Afirmou que a Xunta seguirá colaborando no seu impulso, con accións como as actividades de iniciación ao hip hop que se organizaron a través do programa de deporte escolar Xogade.
En canto aos resultados acadados por Star Dance no campionato estatal, celebrado en Guadalajara, destacan os dous primeiros postos nas categorías infantil e de parellas; os dous segundos nas categorías absoluta e Megacrew; e a terceira clasificación na categoría júnior.