A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático achegouse hoxe ata Área Central para supervisar a instalación dos postos participantes na sexta edición do Tinglado

O mercado circular da Xunta chega a Santiago esta fin de semana para promover o consumo responsable e a necesidade de alongar a vida útil dos produtos

Ángeles Vázquez salienta a boa resposta da cidadanía ao evento, xa que se cubriron os 80 postos dispoñibles para participar como vendedor, e asegura que varios municipios contactaron coa Consellería para acoller a iniciativa en próximas edicións

Os expositores permanecerán abertos ao público mañá e o domingo en horario de 10,00 h. a 14,00 h. e de 16,00 h. a 20,00 h

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026

A sexta edición do mercado circular do Tinglado, unha iniciativa promovida pola Xunta a finais do ano 2024 como punto de encontro entre particulares para a compra-venda de produtos usados, chega esta fin de semana a Santiago de Compostela co obxectivo de fomentar un consumo máis sostible responsable e concienciar sobre a necesidade de alongar a vida útil dos produtos.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, achegouse esta tarde ata o centro comercial compostelán Área Central, onde se ultimaba a instalación dos 80 postos habilitados no marco desta nova edición do Tinglado e nos que se poderá vender e mercar todo tipo de produtos en bo estado, como roupa, libros, xoguetes, artigos de fogar e de decoración, para darlles un segundo uso.

Tras recalcar o éxito das cinco citas anteriores —organizadas en Vigo, Ferrol, A Coruña e Pontevedra, ademais do mercado circular especializado en material de surf en Valdoviño—, a conselleira salientou tamén a boa resposta coa que se recibiu en Santiago o Tinglado. Así, explicou que as persoas interesadas en participar (excluídos vendedores profesionais) puideron inscribirse gratuitamente a través do formulario habilitado na web do evento e que os 80 expositores que había dispoñibles estarán ocupados.

Este mercado circular permanecerá aberto mañá e o domingo 31 de maio e o horario de venda ao público será de 10,00 h. a 14,00 h. e de 16,00 h. a 20,00 h. polo que a conselleira animou á cidadanía a achegarse a Área Central para repetir o éxito de asistencia co que se pecharon as edicións anteriores. De feito, avanzou que varios municipios galegos xa contactaron coa Consellería para acoller a iniciativa nun futuro.

Ademais, destacou a idoneidade do lugar escollido nesta ocasión para celebrar o Tinglado, xa que Área Central se caracteriza, precisamente, pola súa aposta por un modelo comercial baseado en negocios outlet, que recuperan artigos de coleccións anteriores, stocks sobrantes ou produtos con pequenas imperfeccións pero que non afectan á súa funcionalidade.

Por último, a conselleira aproveitou para destacar a importancia de iniciativas coma esta xa que contribúen a impulsar un cambio real de hábitos entre a cidadanía, incidindo no fomento da reciclaxe e apostando pola economía circular para darlle unha segunda vida aos produtos e minimizar á vez a xeración de residuos.

Plan de residuos municipais

O mercado circular do Tinglado enmárcase no Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, co que a Xunta pretende implicar ás entidades locais na implantación dun novo modelo circular que contribúa a cumprir coas exixencias normativas a nivel europeo en materia de residuos e fomente a conciencia sobre o valor das cousas e a necesidade de alongar o máximo posible a súa vida útil.

De feito, o plan conta cunha liña estratéxica de comunicación e sensibilización que contempla actuacións como esta, que se caracterizan por poñer o foco na cidadanía e inclúen desde campañas dirixidas ao público en xeral, a iniciativas con escolares ou medidas deseñadas para sectores específicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2026