A Xunta participa na festa do comercio organizada por Viveiro centro comercial histórico tras o recoñecemento autonómico ao seu labor

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse á xornada, que incluíu música, actividades lúdicas e sorteos para poñer en valor o comercio local e a súa importancia como motor económico e social

Viveiro (Lugo), 30 de maio de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na Festa do Comercio de Viveiro, organizada por Viveiro Centro Comercial Histórico co gallo da conmemoración do Premio á Dinamización Comercial recibido pola entidade na última edición dos galardóns ao comercio galego que outorga a Xunta de Galicia.

A xornada incluíu música, actividades lúdicas, xogos e obradoiros infantís, creando un ambiente festivo que puxo en valor o comercio local e a súa importancia como motor económico e social da vila. A programación rematou cun sorteo de diversos premios entre as persoas participantes, incluíndo un premio principal de 1.200 euros e tres premios adicionais de 100 euros, dirixidos ás persoas que realizaron compras nos comercios adheridos entre o 26 e o 30 de maio.

O director xeral puxo en valor o labor de dinamización que desenvolven estas entidades e destacou o recoñecemento e apoio do Goberno galego a este tipo de iniciativas, que contribúen de maneira significativa á revitalización socioeconómica das contornas nas que se integran. Neste sentido, lembrou que o Executivo autonómico destinou este ano 2,5 M€ en axudas dirixidas a impulsar as actividades dos centros comerciais abertos (CCA) da comunidade, no marco do paquete de medidas do Plan estratéxico do comercio de Galicia. Tamén lembrou que xa está aberto o prazo de candidaturas para a nova edición dos Premios do Comercio Galego, aberto ata o 15 de xuño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2026