O conselleiro de Sanidade, xunto coa secretaria xeral técnica, Natalia Lobato, asistiu á toma de posesión dos novos inspectores e subinspectores que se incorporan aos Servizos de Inspección dos Servizos Sanitarios das áreas
Gómez Caamaño destaca o reforzo da inspección e a mellora na xestión das incapacidades temporais como avances no funcionamento do sistema sanitario
Sinala o rigor técnico, a vocación de servizo e a integridade como piares do labor do persoal da Inspección sanitaria
Entre as funcións das novas incorporacións estará a autorización de solicitudes de realización de probas diagnósticas formuladas polas mutuas e a avaliación de propostas de alta formuladas polas mutuas colaboradoras da Seguridade Social
Esta ampliación de 18 efectivos, durante os vindeiros tres anos, suporá un investimento de máis de 3 M€
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resaltou hoxe o reforzo dos equipos da Inspección de Servizos Sanitarios e a mellora na xestión das incapacidades temporais como avances no funcionamento do sistema.
O conselleiro participou hoxe no acto de toma posesión dos novos profesionais no salón de actos da Consellería de Sanidade acompañado da secretaria xeral técnica do seu departamento, Natalia Lobato, e da subdirectora xeral de Inspección de Servizos Sanitarios, Elia Rodríguez.
En total, incorporaranse 9 inspectores e 9 subinspectores sanitarios distribuídos nas sete áreas sanitarias: 2 inspectores e 2 subinspectores para a área da Coruña e Cee; 1 inspector para a de Santiago de Compostela e Barbanza; 1 inspector para a de Ferrol; 1 inspector e 2 subinspectores para a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 1 inspector e 2 subinspectores para a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 2 inspectores e 2 subinspectores para a de Vigo; e 1 inspector e 1 subinspector para a área de Pontevedra e O Salnés.
Gómez Caamaño sinalou o rigor técnico, a vocación de servizo e a integridade que caracterizarán o seu traballo, no marco do Plan de Mellora da xestión e control da incapacidade temporal impulsado pola Xunta en agosto de 2024.
Este persoal de reforzo terá como principais funcións a inspección e control con carácter sanitario da situación de baixa laboral e colaborarán en programas de control da incapacidade temporal do persoal funcionario da Xunta, do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e do persoal adscrito aos réximes especiais de funcionarios públicos xestionados polas mutualidades MUFACE e MUGEJU.
Tamén se encargarán da autorización de solicitudes formuladas polas mutuas para a realización de probas diagnósticas, a avaliación de propostas de alta formuladas polas mutuas colaboradoras coa Seguridade Social e de valorar e dar resposta ás solicitudes de revisión de empresa.
Neste sentido, a Consellería de Sanidade modificou a instrución pola que se establece o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento das baixas laborais, co fin de facelo máis resolutivo. Así, as propostas de alta médica que as mutuas deben dirixir ás unidades de Inspección deberán acordarse sempre que as propostas estean debidamente motivadas e completas. En cambio, se a proposta fose insuficiente, o persoal inspector deberá convocar a persoa interesada a un recoñecemento médico presencial antes de ditar unha resolución motivada sobre se procede ou non a alta.
Para reducir a burocracia, tamén se establece un sistema de autorización única para que as mutuas non teñan que tramitar unha solicitude individual por cada proba diagnóstica, que deben contar co visto e prace da Inspección de Servizos Sanitarios. Unha soa autorización habilitará todas as probas e procedementos terapéuticos necesarios, co que se gañará en axilidade para a recuperación do traballador.
A previsión inicial é que a incorporación dos 18 novos profesionais se estenda durante tres anos, o que suporá un investimento extra de 3.026.709,24 euros para levar a cabo as medidas que buscan unha maior eficiencia na xestión dos procesos de baixa.
As medidas postas en marcha no Plan de Mellora da xestión e control da incapacidade temporal da Xunta xa permitiron reducir os trámites burocráticos para os pacientes, coa emisión de preto de 6.000 partes de baixa desde os hospitais do Servizo Galego de Saúde en caso de cirurxía programada.
Ademais, ata finais do mes de abril, foron revisados máis de 132.400 procesos de baixa. Citáronse arredor de 38.000 pacientes para unha valoración presencial, o que implicou a alta de preto de 32.000 casos.