Rueda anuncia que a Xunta declara Proxecto Industrial Estratéxico o desenvolvemento inicial do complexo industrial de fabricación de automóbiles SAIC, co fin de crear máis de 2.000 empregos en Ferrol

A compañía chinesa escolle Galicia fronte a outras localizacións analizadas para a súa expansión ao mercado europeo pola capacidade industrial galega, a sólida base manufactureira e a capacidade para facilitar unha rápida implantación

Salienta que a iniciativa prevé a creación dunha instalación industrial no Porto Exterior de Ferrol, que podería xerar 2.000 empregos e impulsar a implantación de provedores nun polo industrial e loxístico nas Pontes con 300 postos de traballo

Para atraer este investimento, a Xunta mantivo un intenso traballo con SAIC, con múltiples reunións celebradas ao longo dos últimos meses

Rueda destaca que a previsión é “iniciar as obras en 2027“ que o complexo “estea operativo no 2028”

A conselleira de Economía resalta que a Xunta asigna o “Proxecto SAIC” a unha unidade da Oficina Económica de Galicia que liderará o acompañamento, seguimento e coordinación de todos os trámites vinculados ao proxecto industrial

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello declarou hoxe Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) o desenvolvemento inicial do complexo industrial da empresa de fabricación de vehículos chinesa SAIC en Galicia. O PIE inclúe a posta en marcha dunha zona industrial no porto exterior de Ferrol, que suporía a creación inicial de 1.000 postos de traballo directos e doutros tantos indirectos, e dun centro industrial e loxístico nas Pontes de García Rodríguez que permitirá a creación de 300 empregos. “Vai ser o primeiro proxecto industrial da multinacional en Europa”, salientou.

Na súa intervención, explicou que, desde o primeiro momento no que a empresa mostrou interese por Galicia -outubro de 2025-, o Goberno galego desenvolveu un intenso proceso de diálogo coa multinacional para coñecer as súas necesidades de implantación mediante reunións de traballo que culminaron coa solicitude formal de SAIC para iniciar a tramitación do que sería o seu primeiro proxecto industrial en Europa. “Celebráronse moitas reunións entre a empresa e a Xunta”, indicou Rueda, quen salientou que un dos motivos polos que SAIC elixe Galicia “é a ampla tradición, punteira, que temos no sector da automoción, tanto na fabricación de vehículos como de compoñentes”.

Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou “a gran oportunidade económica e industrial para Ferrolterra” e o conxunto da comunidade, logo do compromiso da compañía chinesa de que gran parte dos compoñentes para os seus vehículos “serán de fabricación local”.

Lorenzana agradeceu o traballo desenvolvido tanto polo Igape, a través da Oficina Económica de Galicia, como pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, en colaboración cos responsables de SAIC.

No relativo aos trámites realizados, Lorenzana destacou que en marzo, tras un intenso traballo, a Xunta de Galicia considerou que o proxecto de investimento presentado por SAIC estaba “suficientemente maduro” para ser remitido ao Goberno central, autoridade competente para autorizar o investimento estranxeiro directo en España, ante o que a compañía xa realizou a correspondente notificación para a súa aprobación. Neste sentido, a conselleira sinalou que a cooperación foi do máis alto nivel nas tres reunións de alto nivel celebradas en Madrid con representantes da multinacional e do Goberno central.

Un gran hub industrial e loxístico

En relación coas características do complexo industrial que SAIC prevé establecer en Galicia, a conselleira precisou que se desenvolvería nunha parte das instalacións do Porto Exterior de Ferrol. Isto sen prexuízo de que —segundo recolle a propia compañía na súa solicitude de PIE— a intención a medio e longo prazo da firma chinesa sería converter a comarca de Ferrolterra e As Pontes nun hub industrial e loxístico, no caso de que finalmente se materialice a totalidade do proxecto. Este incluiría tecnoloxías avanzadas de fabricación e procesos clave, así como a produción local dunha elevada proporción de compoñentes en cumprimento da normativa obrigatoria da Unión Europea. Procurarase maximizar a subministración local de compoñentes sempre que sexa economicamente viable, ben mediante fabricación propia nas instalacións ou a través de provedores radicados no territorio.

As novas empresas que se queiran implantar na área de influencia desta multinacional poderían facelo en zonas da comarca, como a área empresarial de Mandiá, cuxa tramitación iniciou xa a Xunta de Galicia, así como na zona industrial das Pontes.

A operación suporá a presenza en Galicia do primeiro centro industrial e loxístico de SAIC na Unión Europea, con Ferrol e As Pontes como eixes principais do proxecto. Por outra banda, o PIE presentado pola empresa implicaría para o porto ferrolán un movemento loxístico extraordinario que dará vida a unhas instalacións aínda en desenvolvemento.

Na súa intervención, Lorenzana explicou que, para que o proxecto poida executarse, deberán completarse dous procedementos adicionais xunto coa tramitación do proxecto industrial estratéxico: por unha banda, a compañía deberá obter previamente, ou cando menos de maneira simultánea, as concesións das parcelas que pretende ocupar no Porto Exterior de Ferrol; e, por outra, ao tratarse dunha empresa non europea, deberá obter obrigatoriamente a autorización de investimento estranxeiro directo (FDI polas súas siglas en inglés) do Goberno central, outorgada polo Consello de Ministros. Polo tanto, a viabilidade do proxecto continúa condicionada á obtención dos permisos e autorizacións necesarios, á realización de avaliacións económicas favorables e á existencia de apoio público.

En todo caso, a Xunta de Galicia continuará —precisou— liderando todo o proceso e mantendo unha estreita colaboración con Portos do Estado, as administracións locais e o Goberno central para que o proxecto poida culminar con éxito. Con este obxectivo, o Consello da Xunta asignou o “Proxecto SAIC” a unha unidade da Oficina Económica de Galicia, que liderará o apoio, seguimento e coordinación de todos os procedementos vinculados a este investimento. A unidade contará cun enxeñeiro adscrito ao proxecto e cun xurista especializado en investimento empresarial, entre outros perfís técnicos. Ademais de impulsar a tramitación do PIE, coordinará as actuacións cos concellos de Ferrol e As Pontes, coa autoridade portuaria e co Goberno central, co fin de garantir a coherencia de todos os procedementos e facilitar o complexo proceso administrativo que a empresa deberá afrontar a partir de agora.

Trátase de dar un paso máis no liderado da Xunta a nivel nacional no que se refire á desburocratización e axilización de trámites, unha política económica clave do Goberno galego para o crecemento e a atracción empresarial.

Prazos, investimento e emprego estimado

Sobre os prazos de execución, a conselleira afirmou que a intención de SAIC, segundo recolle o proxecto, suporá que a finais de 2026 debería dispor dos permisos e autorizacións necesarios para comezar a construción da primeira fase da planta de Ferrol. “A previsión sería iniciar as obras en 2027 e que a fábrica estea operativa en 2028”, indicou Rueda.

Por último, María Jesús Lorenzana engadiu que, durante as reunións de traballo mantidas coa empresa, a Xunta ofreceu a SAIC a totalidade das zonas industriais de Galicia capaces de acoller un proxecto destas características, tanto na zona sur da comunidade -terreos na Plisan e loxísticos a través do Porto de Vigo- como diversas localizacións na zona norte, coa loxística a través dos portos da Coruña e Ferrol. Tras múltiples visitas, e baseándose na análise de apoio público e viabilidade económica, os responsables chineses teñen a intención de elixir o eixe Ferrolterra e As Pontes para implantar o seu complexo industrial en Europa porque consideraron que era opción que mellor se axustaba ás súas necesidades.

O presidente salientou que o investimento total previsto inicialmente ascende arredor de 200 millóns de euros, ao que haberá que engadir as correspondentes taxas portuarias polo uso industrial e loxístico das parcelas no porto exterior de Ferrol. O proxecto inclúe dúas fases que, unha vez completadas, permitirían que a planta acadase unha produción anual de 120.000 vehículos.

Dos 1.000 empregos directos previstos, aproximadamente a metade corresponderían a operacións loxísticas e a outra metade a actividades produtivas, , abranguendo unha unha ampla variedade de perfís profesionais, entre eles enxeñeiros, operarios de montaxe, persoal loxístico, estibadores, condutores de camión, así como persoal de limpeza e seguridade, entre outros.

 

 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2026