A Xunta e o concello de Folgoso do Courel traballan para optimizar a oferta turística do municipio lugués
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2026
O director de Turismo de Galicia mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro Ochoa, para abordar diferentes iniciativas orientadas á promoción e ao desenvolvemento turístico do municipio. Durante o encontro analizouse a importancia de continuar coa posta en valor da rede de rutas de sendeirismo do concello, un dos seus principais recursos naturais e turísticos, co obxectivo de reforzar a súa conservación e incrementar a súa difusión entre os visitantes que escollen este destino de natureza.
Na reunión tamén se fixo seguimento do convenio asinado entre as dúas entidades para a construción dun edificio de servizos na área recreativa de Mogoxe que incrementará o potencial turístico deste municipio do interior de Galicia e cuxa licitación sairá publicada proximamente. Ademais, Xosé Merelles e Lola Castro coincidiron na necesidade de seguir impulsando eventos singulares que contribúan á desestacionalización da demanda turística e á promoción da identidade local, como a Festa da Castaña e o Filandón, dúas citas de referencia que combinan tradición, patrimonio cultural e dinamización económica para o conxunto do municipio.