Galicia apunta ao fortalecemento da participación cidadá como pilar básico da gobernanza democrática
O Goberno galego aposta por estender a cultura participativa ao ámbito social, con criterios de inclusión, accesibilidade e proximidade
No ano 2025 impulsáronse no Portal de Transparencia e Goberno aberto case 90 procesos participativos, con máis de 1.100 achegas da cidadanía
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, deu a benvida a representantes da práctica totalidade das CC.AA. que asisten á reunión da Rede Interautonómica de Participación cidadá, un importante foro de coordinación institucional na materia
Santiago de Compostela, 03 de xuño de 2026
Galicia apunta ao fortalecemento da participación cidadá como pilar básico da gobernanza democrática, xa que “unha administración que escoita á cidadanía é máis efectiva na toma de decisións e achega máis confianza”. Por iso o Goberno galego aposta por estender a cultura participativa ao ámbito social, con criterios de inclusión, accesibilidade e proximidade. Así o explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, no acto de apertura das xornadas de Participación Cidadá que se celebran desde hoxe en Galicia.
Corgos puxo como exemplo a creación do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia para telos en conta “no deseño das políticas públicas que lles afectan” e a participación dos maiores a través da Asociación Galega de Persoas Maiores, Xubilados e Pensionistas, así como a posta en marcha dun proceso participativo coa Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, “para que ningunha voz quede fóra”.
O conselleiro de Facenda foi o encargado de dar a benvida aos participantes na reunión da Rede Interautonómica de Participación Cidadá, que chegan de toda España para participar nun encontro deseñado para compartir experiencias, boas prácticas e liñas de colaboración, así como para debater estratexias e promover a participación activa da cidadanía no deseño e avaliación das políticas públicas.
Miguel Corgos amosou o seu convencemento de que a participación da cidadanía crea “institucións máis transparentes, máis próximas ás persoas e, ademais, lexitima as institucións”, porque posibilita unha administración máis efectiva na toma de decisións, máis íntegra e que rende contas da súa xestión, o que redunda “na mellora dos servizos públicos”.
Participación como liña estratéxica de goberno
Este convencemento, explicou o conselleiro, é o que levou a Galicia a asumir este enfoque participativo como unha liña estratéxica de goberno. “Un compromiso” –asegurou- “que se traduce no desenvolvemento progresivo dunha administración máis aberta, accesible e participativa”.
Para iso, abundou Corgos, promóvese a implicación da cidadanía na elaboración de normas, o deseño de programas públicos e a mellora de servizos administrativos. Como exemplo, destacou que no ano 2025 se impulsaron no Portal de Transparencia e Goberno aberto case 90 procesos participativos, con máis de 1.100 achegas da cidadanía.
Explicou que se potenciou a participación medindo o grado de satisfacción cos servizos públicos a través de enquisas de satisfacción, publicando a Guía de participación cidadá en lectura fácil no Portal de Transparencia ou coa contribución de Galicia ao V Plan de Goberno Aberto de España 2025‑2029, mediante a formulación de iniciativas artelladas en torno ao impulso, ampliación e consolidación dos mecanismos de implicación da cidadanía, “cunha orientación clara á ampliación cuantitativa e cualitativa dos procesos participativos, e a mellora da súa visibilidade e accesibilidade”, para garantir un maior e mellor coñecemento das canles dispoñibles para intervir nos asuntos públicos, concluíu o conselleiro de Facenda.
Galicia, referente na participación cidadá
A Rede Interautonómica de Participación Cidadá constitúe un espazo estable de cooperación entre administracións, clave para avanzar cara a modelos de gobernanza máis participativos, inclusivos e próximos á cidadanía. Centra a súa relevancia na participación cidadá como principio relacionado cos fundamentos que inspiran o Goberno e a Administración Aberta. A celebración deste encontro en Galicia reforza o papel da comunidade como referente na promoción de políticas públicas orientadas á participación cidadá, a transparencia e o goberno aberto.