A Xunta concede á praza de abastos de Ribeira o selo de Mercado Excelente e eleva a cinco o total de instalacións dotadas con este distintivo en Galicia
No marco do compromiso autonómico coa ampliación da Rede de Mercados Excelentes e coa previsión de acadar as 25 prazas de abastos con este selo en 2030, a ribeirense súmase a unha lista na que xa se atopaban Tomiño, Vilagarcía, Pontedeume e Carballo
Dotada cunha vintena de postos de venda de produto fresco e local, ademais de oferta de restauración, a Xunta vén apoiando as instalacións desde a súa construción, sendo a última axuda para a realización dunha diagnose e estudo de mercado da praza
O Goberno galego ten en marcha o Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes, que está a rexer a colaboración coas entidades locais de cara a dar pulo á calidade e excelencia das prazas de abastos da Comunidade
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia vén de conceder á praza de abastos de Ribeira o selo de Mercado Excelente, un distintivo co que xa contaban Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo e que identifica aquelas instalacións que destacan pola súa modernidade, innovación e dinamización, sen perder a súa autenticidade, tradición e trato personalizado. Co obxectivo de acadar os 25 espazos con esta distinción en 2030, a Xunta ten en marcha o Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes, que está a rexer a colaboración coas entidades locais de cara a dar pulo á calidade e excelencia das prazas de abastos da Comunidade.
A praza de abastos de Ribeira conta cunha vintena de postos de venda de produto fresco e de proximidade, ademais de oferta de restauración. A Xunta vén apoiando as instalacións desde a súa construción, sendo a última axuda concedida para a realización dunha diagnose e estudo de mercado sobre a praza, co fin de avanzar cara a un modelo de excelencia que sirva como referente de calidade, innovación e compromiso coa cidadanía.
No marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, o Goberno autonómico busca consolidar as prazas de abastos como puntos neurálxicos da comercialización de produtos frescos de proximidade, ademais de como centros de actividades complementarias que inciden de xeito decidido na dinamización das vilas e cidades galegas. Nese senso, o Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes establece apoios por parte da Xunta de ata o 70 % co gallo de promover obras de reforma, mellora ou modernización nas instalacións que aspiren a obter o selo de Mercado Excelente.
A maiores, cómpre destacar outras iniciativas que está a desenvolver o Goberno galego como a de Prato de Mercado, que busca potenciar a promoción das prazas de abastos a través da cociña galega, poñendo en valor a estreita conexión da gastronomía e da hostalería cos mercados.