A Xunta celebra o Día Internacional dos Arquivos en Lugo cun novo ‘Documento Singular’, música e visitas guiadas

O próximo martes día 9 o Arquivo Histórico Provincial amosará o seu labor e exporá un “tombo” do mosteiro de Penamaior que data do 1702

Lugo, 5 de xuño de 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrará o Día Internacional dos Arquivos o martes 9 de xuño no Arquivo Histórico Provincial de Lugo,  cunha programación especial que inclúe música, visitas guiadas e a presentación dun novo elemento da colección Documentos Singulares.

A visita ás instalacións comezará ás 12:00 horas; técnicos do centro explicarán o tratamento que recibe a documentación desde que se recibe ata que acada o seu destino definitivo nos depósitos, e amosarán un conxunto de documentos representativos dos fondos custodiados. As persoas interesadas en participar deberán comunicalo con antelación no teléfono 982 828 318 ou no correo electrónico ahp.lugo.informacion@xunta.gal.

Ás 19 horas presentarase un novo “documento singular”, como se ven facendo desde 2014; nesta ocasión trátase do Tombo 3 do Mosteiro de Penamaior, en Becerreá. Este libro foi escrito entre 1702 e 1835 e nel consignáronse informacións relativas á fundación do mosteiro, aos privilexios e doazóns que lle outorgaron reis e nobres,  e sobre todo, datos sobre as súas propiedades, que se estendían polo territorio dos actuais municipios de Becerreá, As Nogais, Baralla, Triacastela, Láncara, Baleira, Sarria, O Corgo, Castroverde, A Fonsagrada e Monforte de Lemos.

Para pechar os actos, ofrecerá un concerto un quinteto de vento metal da Xove Orquestra de Lugo Terra Nova, da que é director Nicolás Ravelli Barreiro. A asistencia a estes actos é libre e gratuíta.

Data de actualización: 05/06/2026