A directora da Axencia Galega de Infraestruturas interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento
A Xunta salienta o compromiso coas infraestruturas na cidade de Ourense para reforzar a seguridade viaria e a mobilidade
Deza destacou a adxudicación das obras da senda de Reza, coa que se completarán máis de 16Km de sendas nas estradas autonómicas da comarca, con 8 M€ de investimento
Subliñou que a Xunta prevé licitar neste 2026 as obras da Ronda Leste, unha actuación cun investimento de máis de 9M€ coa que se vai completar a circunvalación polo sur e que permitirá eliminar tráfico do centro
Sinalou que tamén se está a traballar no proxecto de trazado do vial de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) dende a N-525
Puxo en valor as obras que se están executando no eido da conservación, por exemplo na OU-413 e noutras rúas do núcleo urbano de Ourense
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026
A Xunta salienta o compromiso coas infraestruturas na cidade de Ourense co fin de reforzar a seguridade viaria e a mobilidade na área. Así o destacou hoxe a directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza, na súa intervención na Comisión 2ª do Parlamento.
Deza referiuse a un amplo abano de actuacións desenvolvidas estes anos polo Goberno galego na cidade das Burgas para acadar unha mobilidade máis responsable e sostible. Citou intervencións como o itinerario peonil e ciclista entre Os Remedios e Expourense, cun orzamento de 3,8M€; a senda na avenida das Caldas, con 1,4M€; a executada na OU-101 en Montealegre, con 1,5M€; ou a da OU-536, na Derrasa, entre outros.
Lembrou que recentemente a Xunta adxudicou as obras da nova senda na OU-402 en Reza, un treito de case 2,7 km pola marxe dereita desta vía. Con esta intervención complétase a execución de máis de 16 Km de sendas nas estradas autonómicas da comarca de Ourense, con 8 M€ de investimento.
Engadiu a nova senda peonil e ciclista que vertebrará de norte a sur a cidade entre a estación intermodal, a Ponte Vella e Expourense, a través da avenida das Caldas e do Barbaña.
Destacou que a Xunta tamén avanza para materializar a nova Ronda Leste, unha actuación cun investimento de máis de 9M€ coa que se vai completar a circunvalación polo sur e que permitirá eliminar tráfico do centro, desconxestionando rúas como Marcelo Macías ou a avenida de Zamora.
Avanzou a previsión de poder licitar as obras neste 2026 e deste xeito, completarase un viario de circunvalación perimetral da cidade de Ourense.
Esta actuación, cunha lonxitude de mais de 1km e medio entre Bemposta e o enlace coa N-525, que conectará Ourense e San Cibrao das Viñas, suporá un acurtamento na distancia de percorrido e permitirá reducir tempos de viaxe.
Ademais o Goberno galego está a traballar no proxecto de trazado do vial de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) dende a N-525.
Por outra parte, Deza puxo en valor as obras que se están executando no eido da conservación, por exemplo na OU-413 e noutras rúas do núcleo urbano de Ourense.
Sinalou que tamén se actuará nas rúas Progreso, Río Arnoia, Emilia Pardo Bazán, Velázquez, Bispo Lorenzo, Coruña, Peña Trevinca, Sáenz Díez, Seixalbo, Avenida Buenos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, Ponferrada, da Granxa e Avenida de Zamora.
Concluíu que a Xunta segue traballando na rede viaria na área de Ourense para sumar quilómetros de novas estradas eficientes e sostibles