Román Rodríguez celebra a graduación dos primeiros universitarios especializados en intelixencia artificial

Destaca que é primeiro grao compartido entre as tres universidades públicas galegas e un exemplo da capacidade para anticiparse aos cambios sociais e tecnolóxicos

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, celebrou hoxe o remate da primeira promoción do grao interuniversitario en Intelixencia artificial. Fíxoo durante a súa participación na cerimonia de graduación da Universidade de Santiago por dobre motivo: por ser o primeiro grao compartido entre as tres universidades públicas e tamén polo que supón nun ámbito tecnolóxico cun peso cada vez máis relevante na sociedade actual.

O titular da Educación da Xunta puxo en valor o carácter precursor dun título que naceu da colaboración para dar resposta aos novos retos da transformación dixital. Neste sentido, lembrou que a creación do grao foi posible grazas ao acordo acadado entre o Goberno galego e as tres universidades públicas co obxectivo de ofrecer unha formación innovadora e aliñada coas necesidades emerxentes do mercado laboral.

Así mesmo, salientou que a posta en marcha deste titulación constitúe un exemplo da capacidade do Sistema Universitario de Galicia para anticiparse aos cambios sociais e tecnolóxicos. “As universidades teñen a responsabilidade de preparar os profesionais que demandará a sociedade do futuro e este título é unha mostra de como a formación superior pode adaptarse á realidade actual e ás novas oportunidades profesionais vinculadas á revolución tecnolóxica”, afirmou o conselleiro.

Román Rodríguez felicitou aos novos graduados polo esforzo realizado ao longo destes anos e animounos a seguir formándose e contribuíndo co seu talento ao desenvolvemento económico, científico e tecnolóxico de Galicia. “Formades parte dunha promoción pioneira que abre camiño para as futuras xeracións de estudantes”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2026