A Xunta apoia o Festival Azul 2026 que divulga a cultura marítima da ría de Vigo
Vigo, 8 de xuño do 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou este luns na presentación do Festival Azul 2026, unha cita xa consolidada no calendario galego de divulgación da cultura marítima e que se celebrará na ría de Vigo desde este xoves ata o domingo.
A presenza do representante da Consellería do Mar pon de manifesto o apoio institucional da Xunta a esta iniciativa que contribúe a achegar á sociedade sectores como o pesqueiro, acuícola e náutico, así como a súa importancia económica, social e cultural.
Organizado polo Clúster Náutico Rías Baixas, e promovido pola Administración autonómica, o evento regresa cun programa máis amplo e participativo, combinando actividades deportivas, gastronómicas, educativas e experiencias náuticas dirixidas tanto ao público xeral como á comunidade escolar. Recupera así algunhas das propostas máis exitosas das edicións anteriores, como o showcooking mariñeiro e as Rutas do Polbo e do Mexillón. Entre as propostas formativas tamén destacan outras nas que os estudantes poderán coñecer de maneira práctica e lúdica toda a cadea de valor dos produtos do mar.