O conselleiro de Sanidade, xunto co director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, e o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, supervisou as actuacións de humanización da zona de pediatría realizadas no centro de saúde da Estrada pola Fundación Andrea

A Xunta presentará nas vindeiras semanas unha reforma da atención primaria deseñada para responder ás necesidades actuais de profesionais e pacientes

A Consellería de Sanidade presentará os resultados dos grupos de traballo que definiron as medidas a adoptar na xestión das axendas, en recursos humanos e en retribucións

A aposta da Xunta polo primeiro nivel asistencial coa creación da Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria para liderar a transformación

A Xunta dedica este ano o maior orzamento da historia á atención primaria, con 1.747 M€

Gómez Caamaño agradece a colaboración da Fundación Andrea na dulcificación da área de pediatría do centro de saúde da Estrada para converter un entorno clínico nun espazo lúdico

A Estrada (Pontevedra), 9 de xuño de 2026

A Xunta presentará nas próximas semanas unha reforma da atención primaria deseñada para dar resposta ás necesidades actuais de profesionais e pacientes.

O conselleiro de Sanidade indicou o importante papel deste nivel asistencial durante a visita ao centro de saúde da Estrada, para supervisar o resultado das actuacións de dulcificación da zona de pediatría realizadas pola Fundación Andrea.

No acto tamén participaron o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, Salvador Mariño-Ageitos, o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, o xefe de servizo do centro de saúde, Juan Sánchez, e representantes da fundación.

O compromiso da Xunta co primeiro nivel asistencial motivou a creación da Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria para liderar a transformación que se estivo a deseñar nos últimos meses.

Así, a Consellería de Sanidade presentará proximamente as conclusións dos grupos de traballo que definiron as medidas que se deben adoptar, tanto no eido das axendas e a gobernanza, como no referente aos recursos humanos e ás súas retribucións.

Mostra do compromiso do Goberno galego co reforzo da atención primaria son a creación de máis prazas, de novas categorías profesionais, a dotación de máis equipamento e a construción de novas infraestruturas, como o centro de saúde da Estrada.

Ademais, os Orzamentos da Xunta para este ano 2026 dedican á atención primaria máis recursos que nunca. Increméntase un incremento do 4,75 % con respecto ao ano anterior ata chegar aos 1.747 millóns de euros.

Nun contexto marcado polo déficit de profesionais e polo aumento das doenzas crónicas pola maior esperanza de vida da poboación, a reforma estrutural da atención primaria contará co labor fundamental dos profesionais.

Un exemplo é o carácter innovador e transformador do persoal do centro de saúde da Estrada, que busca sempre o mellor para os pacientes e que é referente a nivel nacional na atención.

Dulcificación da área de pediatría

Gómez Caamaño resaltou a importancia da humanización dos espazos asistenciais como unha das medidas para que manter unha sanidade centrada no paciente.

En concreto, valorou o traballo da Fundación Andrea para converter un entorno clínico nun espazo acolledor e lúdico no que se consegue reducir a ansiedade dos meniños e tamén o estrés dos familiares. No centro de saúde da Estrada realizouse con cores tenues, elementos da natureza e unha casiña de lectura.

Destacan colaboracións previas coa Fundación Andrea en espazos hospitalarios e tamén na atención primaria como o Centro Integral de Saúde de Lalín e comarca de Deza.

Estas actuacións enmárcanse na Estratexia de Humanización da Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde e son de especial valor para nenos e nenas no caso de enfermidades de longa duración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2026