A Xunta recoñece os 20 mellores proxectos científicos sobre a eclipse realizados polo alumnado galego

Preto de 500 alumnos participan na xornada de fin de curso da programación dos Polos Creativos dedicada ao gran fenómeno astronómico deste verán

O conselleiro destaca o papel destes espazos para achegar a ciencia e a exploración espacial ao alumnado

O encontro serviu tamén para presentar as liñas de traballo para o curso 2026/27 e no decurso do mesmo lanzouse a cápsula estratosférica MarumaSAT VIII

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, coñeceu hoxe os 20 proxectos galardoados pola Xunta como as mellores iniciativas científicas realizadas por estudantes desde os Polos Creativos arredor da eclipse solar total do próximo 12 de agosto. Fíxoo nunha visita á exposición na que docentes e alumnos amosan na Cidade da Cultura estes traballos, encontro co que se pechan as actividades realizadas nos Polos Creativos dos centros educativos ao longo deste curso para preparar o gran fenómeno astronómico deste verán.

O titular de Educación destacou que as iniciativas premiadas son “un reflexo do enorme potencial que existe nos centros educativos e do compromiso por impulsar metodoloxías activas que favorecen a aprendizaxe, a creatividade e o pensamento crítico”. Segundo indicou, os proxectos galardoados evidencian que a educación científica “resulta máis efectiva cando os estudantes son protagonistas da aprendizaxe e participan en proxectos reais conectados co mundo que os rodea”.

Os proxectos premiados abranguen traballos de divulgación científica, investigación, observación astronómica e didáctica das ciencias elaborados nos centros educativos ao longo deste curso grazas ao equipamento dos Polos creativos. Ao longo da xornada de hoxe, estudantes e docentes explicaron ao público visitante as solucións tecnolóxicas e experimentos desenvolvidos para a súa elaboración.

O encontro reuniu preto de 500 estudantes de diferentes etapas educativas, docentes, investigadores das universidades e integrantes da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA). A cita serviu tamén para difundir as actividades astronómicas previstas en Galicia nos meses previos á eclipse total do 12 de agosto. Neste marco, presentáronse as principais accións divulgativas que se desenvolverán durante o verán e que buscan facilitar á cidadanía recursos e información para seguir este fenómeno con garantías e seguridade.

Novos retos para o curso 2026/27

Ademais, a Consellería deu a coñecer as liñas de actuación dos Polos Creativos para o próximo curso, que manterán a exploración espacial como eixo temático e incorporarán novas propostas vinculadas á robótica, á programación e ao desenvolvemento tecnolóxico.

Lanzamento da misión MarumaSAT VIII

A xornada concluíu co lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSAT VIII, unha iniciativa impulsada pola Axencia Espacial Escolar Galega que permite ao estudantado participar en misións reais de exploración mediante globos sonda capaces de alcanzar os 30.000 metros de altitude. A misión incorpora distintos experimentos científicos destinados á recollida de datos e á análise das condicións da estratosfera, ofrecendo ao alumnado unha experiencia práctica de investigación que reproduce procesos propios da actividade aeroespacial e científica profesional.

A relación de centro galardoados é a recollida na seguinte táboa:

CONCELLO

CENTRO

MODALIDADE DO PREMIO

Provincia da Coruña

Cambre

CEIP Portofaro

Mellor conxunción de tecnoloxía e creación narrativa nos Polos Creativos

Cedeira

IES Punto Candieira

Mellor logro e deseño tecnolóxico nos Polos Creativos

Ferrol

CPR Tirso de Molina

Mellor comunicación científica e divulgación nos Polos Creativos

Ferrol

IES Saturnino Montojo

Mellor integración do pensamento computacional e as matemáticas na astronomía

Narón

IES Terra de Trasancos

Mellor proposta de promoción da saúde e observación segura da eclipse

Oleiros

CPR Plurilingüe Hijas de Cristo Rey

Mellor enfoque integral nos Polos Creativos

Ponteceso

IES Eduardo Pondal

Proxecto mellor adaptado á realidade do alumnado dos Polos Creativos

Ribeira

CEIP Plurilingüe de Frións

Centro máis implicado nos Polos Creativos

Santiago de Compostela

CPR Vilas Alborada

Proxecto máis creativo nos Polos Creativos

Santiago de Compostela

CEIP de Roxos

Proxecto mellor adaptado ao alumnado nos Polos Creativos

Provincia de Lugo

Cervantes

CPI de Cervantes

Prototipado máis completo nos Polos Creativos

Monforte de Lemos

CEE Infanta Elena

Proxecto máis inclusivo nos Polos Creativos

Provincia de Ourense

Ourense

CPR Plurilingüe María Auxiliadora Salesianos

Mellor programación de aplicacións nos Polos Creativos

A Rúa

CEIP Manuel Respino

Mellor produción sonora nos Polos Creativos

Provincia de Pontevedra

Moaña

IES As Barxas

Mellor creación dixital para Realidade Virtual nos Polos Creativos

Pontevedra

CEIP Álvarez Limeses

Proxecto con mellor aplicación do Deseño Universal para a Ensinanza

Vigo

CPR Plurilingüe Andersen Augalonga

Mellor proposta de creación audiovisual

Vigo

CEIP Balaídos

Mellor proposta de pensamento computacional nos Polos Creativos

Vigo

IES República Oriental do Uruguai

Mellor solución técnica e creativa a un problema

Vilagarcía de Arousa

IES Armando Cotarelo Valledor

Mellor adaptación creativa dun instrumento astronómico

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2026