A Xunta inicia a ampliación do instituto Lamas de Abade e eleva a case 6,5 M€ o investimento en obras en marcha nos centros educativos de Santiago
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, supervisa o comezo dos traballos, que contan cun orzamento de máis de 1,3 M€ e habilitarán case 500 m² novos
Recorda que están en execución a ampliación do IES Eduardo Pondal, a rehabilitación integral do IES Arcebispo Xelmírez II e o cambio de cuberta do Rosalía de Castro
Estas actuacións execútanse no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a través do que o Goberno galego inviste máis de 12M€ na capital
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, supervisou hoxe o comezo das obras de ampliación do Instituto Lamas de Abade, nas que a Xunta inviste máis de 1,3 M€. Nunha visita na que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, o titular do departamento educativo do Goberno galego destacou que esta actuación eleva a case 6,5 M€ as obras en marcha para a mellora dos centros educativos de Santiago.
Neste sentido recordou que, xunto á do Lamas de Abade, están a piques de rematar as obras de ampliación do IES Eduardo Pondal (3,1 M€) e está en execución a rehabilitación integral do IES Arcebispo Xelmírez II (máis de 1,3 M€). Así mesmo, a Xunta adxudicou xa a renovación da cuberta do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (700.000€), que empezarán este verán. Ademais, xa rematou o cambio de cuberta do IES A Pontepedriña (306.000 €).
Estas intervencións enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a través do que o Executivo autonómico están a investir máis de 12 M€ na modernización e mellora dos centros de ensino da capital de Galicia. A do IES Lamas de Abade forma parte, ademais, do paquete de 38 novas actuacións impulsadas desde a Consellería de Educación no que vai de 2026, por un importe de máis de 21 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.
Case 500 m² máis
A obra no Lamas de Abade supón ampliar a superficie do centro en case 500 m², dotando o instituto de máis e mellores espazos, con seis novas aulas ordinarias e dúas novas aulas de desdobre, nun instituto que conta cunha gran demanda.
A obra execútase engadindo un andar máis sobre a parte sur do edificio actual, de tal forma que os tres corpos que compoñen o instituto quedarán coa mesma altura, logrando uniformidade arquitectónica. A zona de nova construción estará illada polo exterior con sistema SATE e contará con 24 fiestras de aluminio anodizado, similares ás existentes. Tamén se aplicará SATE nos talleres de estética, que se sitúan en outra edificación.
Organizarase arredor dun corredor central, ao longo do que se distribuirán as oito novas aulas, aseos e a saída de emerxencia, conectada cunha nova escaleira exterior na fachada sur, de uso exclusivo en caso de incendio. A previsión é rematar as obras na primavera do ano que vén.