O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, clausurou a IV Xornada de Humanización da Asistencia Sanitaria

A Xunta reforza o seu compromiso cunha sanidade máis humana, que incorpora a experiencia dos pacientes e recoñece o valor das persoas coidadoras

O titular de Sanidade pon en valor a Estratexia de Humanización do Sergas, nacida coa vontade de avanzar dende un modelo centrado na enfermidade cara a outro centrado na persoa

Destaca os proxectos de humanización das salas de espera dos hospitais de día de oncoloxía, con obras xa rematadas en Santiago de Compostela e Vigo e que se desenvolverán tamén en Ourense ou Ferrol

Incide no camiño avanzado grazas ao traballo de moitas asociacións de pacientes, cidadáns e profesionais comprometidos

Destaca a calidade dos proxectos seleccionados: Aprendendo a desaprender, da área de sanitaria de Ourense, que incorpora a experiencia de pacientes e asociacións á formación dos profesionais de enfermería; e o Programa integral para coidadores informais das persoas con demencia, da área de Pontevedra e O Salnés

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026

A Xunta reforza o seu compromiso cunha sanidade máis humana, que incorpora a experiencia dos pacientes e recoñece o valor das persoas coidadoras.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, clausurou a IV Xornada de Humanización da Asistencia Sanitaria,  onde remarcou que a humanización é unha realidade que está presente na maioría dos centros, servizos e equipos profesionais do Sergas.

O titular da carteira sanitaria sinalou que a Estratexia de Humanización do Sergas naceu hai seis anos coa vontade de avanzar desde un modelo centrado na enfermidade cara a outro centrado na persoa.

A este obxectivo responden proxectos de humanización das salas de espera dos hospitais de día de oncoloxía, con obras xa rematadas en Santiago de Compostela e Vigo e que que se desenvolverán tamén en Ourense e Ferrol.

Gómez Caamaño explicou que humanizar consiste, ademais de incorporar novos espazos ou novas ferramentas, en escoitar, acompañar e atender mellor aos pacientes, aos familiares e aos profesionais en momentos sensibles. Ao respecto, incidiu no camiño avanzado grazas ao traballo de moitas asociacións de pacientes, cidadáns e profesionais comprometidos.

Proxectos presentados

Nesta IV Xornada de humanización presentáronse 14 proxectos deseñados polas áreas sanitarias, que son unha mostra de iniciativas que poñen en valor a participación dos pacientes, o apoio aos coidadores, a saúde mental, a accesibilidade, a atención a colectivos vulnerables ou o benestar dos propios profesionais.

O conselleiro fixo unha mención especial aos dous proxectos seleccionados nesta edición. O primeiro deles, “Aprendendo a desaprender”, da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que incorpora a experiencia de pacientes e asociacións á formación dos futuros profesionais sanitarios de enfermería, promovendo unha atención máis colaborativa, próxima e centrada nas persoas.

O segundo proxecto seleccionado foi o “Programa integral para coidadores informais de persoas con demencia” da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que recoñece o valor esencial dos coidadores e se lles proporcionan ferramentas para afrontar mellor o seu labor, mellorando a calidade de vida das persoas atendidas e de quen as acompaña día a día.

O conselleiro rematou a súa intervención agradecendo o esforzo de todas as iniciativas presentadas, que nacen do compromiso diario de quen traballa no Servizo Galego de Saúde, das asociacións de pacientes e das súas familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2026