A Consellería de Sanidade acolleu esta mañá unha nova xuntanza da Mesa Sectorial na que se informou das conclusións dun dos grupos de traballo constituídos para avanzar na reforma da atención primaria

A Consellería de Sanidade presenta na Mesa Sectorial as conclusións do grupo de traballo para a reforma das axendas de Atención Primaria, que procura un modelo máis proactivo e resolutivo

Proponse un sistema de axendas de calidade con tempos mínimos de consulta, a redución de tarefas administrativas ineficientes dos médicos e a potenciación da figura dos xefes de servizo de atención primaria

Neste mes celebrarase outra Mesa Sectorial para presentar as conclusións do segundo grupo de traballo, centrado na planificación dos recursos humanos e nas retribucións

A reforma da atención primaria que impulsa a Xunta e que será presentada en detalle nas vindeiras semanas baséase en tres eixes fundamentais: cambios estruturais, reorganización asistencial e sustentabilidade retributiva

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026

A Consellería de Sanidade acolleu esta mañá unha nova xuntanza da Mesa Sectorial na que o departamento sanitario da Xunta presentou ás organizacións sindicais o documento do grupo de traballo de axendas constituído para avanzar na reforma da Atención Primaria co fin acadar un modelo máis proactivo e resolutivo deste nivel asistencial.

Na xuntanza informouse das conclusións dun dos dous grupos de traballo constituídos, concretamente, o de Planificación asistencial e reforma organizativa da atención primaria, centrado en axendas e na organización da actividade nos centros de saúde.

Así, a Consellería de Sanidade propón un modelo de axendas de calidade, con tempos mínimos de consulta; a redución de tarefas administrativas ineficientes dos médicos mediante a potenciación das áreas administrativas; a estandarización e optimización de procedementos non propiamente asistenciais; o impulso do traballo en equipo; e a potenciación da nova Unidade técnica de apoio á Atención Primaria.

Tamén se porán en marcha novos modelos de gobernanza, onde se potenciará a figura dos Xefes de Servizo de atención primaria.

Ademais realizarase un seguimento continuo da atención sanitaria prestada, avaliando constantemente a capacidade de resposta dos distintos servizos sanitarios.

No encontro cos representantes sindicais desta mañá explicouse que a reforma da atención primaria que impulsa a Xunta se basea en tres eixes fundamentais: cambios estruturais, reorganización asistencial e sustentabilidade retributiva.

O documento completo de reforma da atención primaria será presentado polo miúdo en vindeiras datas, unha vez se dispoñan das conclusións do outro grupo de traballo creado, centrado nos recursos humanos e no modelo retributivo.

De feito, neste mes de xuño está previsto celebrar outra Mesa Sectorial de Sanidade para presentar as conclusións do segundo grupo de traballo, de Planificación Asistencial e Retribucións.

Co fin de potenciar e outorgar un maior protagonismo a este nivel asistencial a Xunta avanza na nova estrutura do Servizo Galego de Saúde, coa creación da Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria, e tamén co reforzo da atención primaria na estrutura das diferentes áreas sanitarias

O obxectivo da folla de ruta que está a impulsar a Consellería de Sanidade consolidará un novo modelo de atención primaria máis accesible, máis próximo e multiprofesional, garantindo a protección dos tempos clínicos e orientado a acadar resultados en saúde, fundamentándose en indicadores que permitan a rastrexabilidade dos obxectivos fixados.

Data de actualización: 10/06/2026