A Xunta participa na sesión do Consello Consultivo e no Pleno do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña
No Pleno ordinario aprobáronse, distintos convenios de colaboración, entre os que se inclúen o acordo co grupo Coca-Cola European Partners en materia de actuación preventiva, asesoramento e intervención en emerxencias, así como o convenio con Gaba Formación para o desenvolvemento de prácticas profesionais non laborais
A Coruña, 10 de xuño de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiron hoxe á sesión do Consello Consultivo e, posteriormente, ao Pleno ordinario do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña, nunha xornada de traballo centrada na análise da xestión do organismo e na adopción de acordos orientados á mellora do servizo público de emerxencias.
No Pleno ordinario, abordáronse diversos asuntos de xestión económica, organizativa e de colaboración con entidades externas. Nesta liña, aprobáronse, distintos convenios de colaboración, entre os que se inclúen o acordo co grupo Coca-Cola European Partners en materia de actuación preventiva, asesoramento e intervención en emerxencias, así como o convenio con Gaba Formación para o desenvolvemento de prácticas profesionais non laborais, iniciativas que contribúen a reforzar a formación, a prevención e a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia.
O Pleno tamén abordou a aprobación do acordo de adhesión ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o desenvolvemento dunha Administración dixital, no marco do impulso á modernización e á transformación tecnolóxica das administracións públicas.
Durante a sesión, deuse conta da aprobación da liquidación do orzamento correspondente ao exercicio 2025, así como da toma de razón do informe de seguimento trimestral correspondente ao segundo, terceiro e cuarto trimestre de 2025 e ao primeiro trimestre de 2026, que permite avaliar a evolución da xestión económico-financeira do organismo.