Belén do Campo agradece ao Colexio de Farmacéuticos da Coruña a súa implicación coa campaña para facilitar o acceso a fotoprotectores ás persoas afectadas por lupus

A representante do Goberno autonómico participou na presentación da campaña de fotoprotección do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña “Este verano ten dos dedos de frente. O cuatro”

A Coruña, 10 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, participou hoxe na presentación da campaña de Fotoprotección 2026 impulsada polo Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña, “Este verano ten dos dedos de frente. O cuatro” onde destacou a importancia das campañas de sensibilización e prevención para fomentar hábitos saudables e reducir os riscos asociados á exposición solar. Ademais tamén se deron a coñecer os datos da enquisa sobre protección 2026 sobre os hábitos e as necesidades de mellora neste eido.

Durante a súa intervención, a representante do Goberno galego felicitou ao Colexio pola posta en marcha desta iniciativa e lembrou que a Xunta de Galicia desenvolve tamén cada ano unha campaña específica para concienciar á cidadanía sobre a necesidade de protexerse fronte aos efectos do sol durante o verán, promovendo ao mesmo tempo un uso seguro e responsable das praias, dos espazos naturais e das actividades ao aire libre.

A delegada da Xunta subliñou tamén a importancia do coidado da pel como medida preventiva fronte a enfermidades graves como o melanoma e outros tipos de cancro cutáneo. Neste ámbito, destacou os avances realizados pola sanidade pública galega nos últimos anos, coa implantación dunha vía rápida do melanoma que permite obter un diagnóstico en menos de oito días, a creación dun comité de expertos especializado e a posta en marcha dun rexistro de pacientes que facilita o seguimento individualizado dos casos e a mellora da atención sanitaria.

Por este motivo, apelou ao “sentidiño” da cidadanía e recomendou adoptar medidas básicas de protección, como o uso de cremas solares adecuadas, evitar a exposición durante as horas centrais do día e empregar gorra, lentes de sol e roupa protectora, especialmente no caso dos nenos, das persoas maiores e doutros colectivos especialmente sensibles.

Belén do Campo incidiu en que unha exposición inadecuada á radiación solar pode ter importantes consecuencias para a saúde e puxo en valor o labor que realiza MeteoGalicia para ofrecer información detallada e actualizada sobre a radiación ultravioleta. Neste sentido, lembrou que Galicia conta con cinco estacións de medición da radiación UV, cuxos datos se ofrecen en tempo real a través da web de MeteoGalicia (www.meteogalicia.gal), o que sitúa á comunidade entre as que dispoñen dun sistema máis completo de monitorización desta variable.

A información obtida complétase con modelos de predición que permiten coñecer o índice de radiación ultravioleta nos distintos concellos e praias ao longo do día, facilitando que a cidadanía poida adoptar as medidas de protección necesarias e escoller os momentos máis seguros para a exposición ao sol.

Apoio ás persoas con lupus

Durante o acto, Belén do Campo agradeceu tamén ao Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña a súa implicación na campaña “Frena el Sol, Frena el Lupus”, unha iniciativa de gran valor social que permitirá ás persoas afectadas por esta enfermidade acceder a fotoprotectores de alta calidade a prezos reducidos. En Galicia estimáse que hai arredor de 2.500 persoas que padecen esta doenza.

Grazas a esta colaboración impulsada pola Xunta, que se firmará en breve, o Colexio de Farmacéuticos da Coruña incorpórase á rede de provincias que se sumaron a este programa, coa colaboración de diferentes entidades como son ISDIN, as entidades de distribución farmacéuticas e a Asociación Galega de Lupus (AGAL)

A delegada explicou que a fotoprotección constitúe unha necesidade terapéutica fundamental para as persoas con lupus, xa que a exposición solar pode desencadear brotes e agravar os síntomas desta enfermidade autoinmune crónica. Neste marco, os membros de AGAL poderán acceder a fotoprotectores específicos a prezos reducidos, ata dúas unidades, a través das farmacias adheridas ao programa, contribuíndo así a mellorar a súa protección e calidade de vida.

Finalmente, agradeceu ao Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña a súa aposta por esta iniciativa e amosou a súa confianza en que un elevado número de farmacias da provincia se sumen ao programa para ampliar esta rede de apoio ás persoas con lupus.

Pola súa banda, as representantes de AGAL fixeron un agradecemento especial por esta iniciativa que lles permitirá ter acceso a fotoprotectores de calidade a metade de prezo todo o ano, que no caso destes pacientes no é unha recomendación senón que é unha necesidade.

A delegada concluíu animando á cidadanía a gozar do verán con responsabilidade e a facer da prevención o mellor aliado para protexer a saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2026