O director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Sergas, Salvador Mariño-Ageitos, participou no acto de homenaxe que tivo lugar no Hospital Arquitecto Marcide

O Servizo Galego de Saúde recoñece a pegada imborrable dos 99 profesionais xubilados na área sanitaria de Ferrol

O responsable autonómico puxo en valor a entrega diaria duns profesionais cuxo traballo contribuíu a fortalecer o sistema sanitario público galego

A homenaxe aos xubilados coincide co 50 aniversario do Hospital Arquitecto Marcide, unha infraestrutura que avanza na súa ampliación para acadar unhas instalacións plenamente preparadas para atender as necesidades do presente e do futuro

Ferrol, 11 de xuño de 2026

O director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, Salvador Mariño-Ageitos, participou esta mañá no acto de homenaxe aos 99 profesionais que culminaron a súa etapa laboral na área sanitaria de Ferrol.

Na compaña da xerente da área sanitaria, Fernanda López, o responsable autonómico puxo en valor o traballo levado a cabo polas 71 mulleres e os 28 homes que ao longo da súa carreira profesional, deixaron unha “pegada indeleble” que contribuíu “ao fortalecemento e á excelencia” da sanidade pública galega.

Así, trasladou o agradecemento explícito do Goberno galego pola súa entrega diaria no coidado da saúde dos miles de pacientes atendidos durante estes anos.

Mariño-Ageitos pechou a súa intervención convidando aos novos xubilados a desfrutar desta nova etapa da vida que supón “menos présas e máis tempo para o que realmente importa".

Medio século de historia e futuro asegurado

A cerimonia de xubilación deste ano coincide co 50 aniversario do Hospital Arquitecto Marcide, unha infraestrutura sanitaria que, na actualidade, avanza no desenvolvemento do seu Plan Director. 

Sobre este particular, o director xeral destacou que o complexo hospitalario segue a medrar e que, a súa primeira fase de ampliación e reforma xa se atopa moi avanzada. Apuntou, así mesmo, que o Servizo Galego de Saúde traballa xa na segunda fase dun proxecto que permitirá acadar unhas instalacións plenamente preparadas para atender as necesidades sanitarias do presente e do futuro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2026