A Xunta impulsa en Chantada o uso da paisaxe e dos materiais locais para elaborar tintes naturais

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta tarde as persoas participantes no curso ‘Crear cor colleitando a paisaxe’, impartido pola artesá e historiadora Lala de Dios e pola artista téxtil colombiana Rosa Escobar

Nesta actividade que remata o próximo domingo 14 de xuño, búscase a conexión co territorio a través das plantas, aplicándoas á artesanía nun contexto contemporáneo

Chantada (Lugo), 11 de xuño de 2026

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta tarde ata o espazo dos Casares en San Cristovo de Mouricios (Chantada), onde se desenvolve ata o domingo o curso Crear cor colleitando a paisaxe, impartido pola artesá e historiadora Lala de Dios (Madrid) e pola artista téxtil Rosana Escobar (Colombia). Durante a visita, Fabeiro puxo en valor o aproveitamento dos materiais locais para aplicar nas pezas de artesanía nun contexto contemporáneo.

O obxectivo da formación é compartir a sabedoría sobre tinguido con plantas que se leva realizando desde hai máis de 4.000 anos en todo o mundo. As historias asociadas con estes procesos e a súa transmisión por xeracións consolidaron uns coñecementos en relación ás plantas e ás súas propiedades, aos ciclos naturais do seu crecemento e colleita, e aos procesos de fermentación, degradación e fixación que fan posible a  transferencia dos seus pigmentos, permitindo establecer un vínculo coa contorna natural e manter a memoria das cores vinculadas aos territorios nos que se atopan.

Detalles do curso

Crear cor colleitando a paisaxe —que comezou onte mércores e remata o domingo 14— estase a desenvolver en horario de 11,00 a 14,00 e de 15,30 a 19,30 horas. Nel participan titulares de obradoiros de téxtil, sombreirería e cestería, así como profesionais dos ámbitos da moda, do deseño e da arquitectura.

A través do curso, as persoas participantes están a coñecer as posibilidades de cor que lles ofrece cada territorio, a aprender o xeito de colleitar e a traballar coa natureza para obter tinturas e mordentes e para a súa posterior aplicación na peza final. Esta formación permite así conectar co territorio a través das plantas, posibilitando crear pezas desde o contemporáneo seguindo métodos que permiten incorporar a paisaxe autóctona.

En concreto, na programación inclúese a conexión entre cor, territorio, horta e alimento, a recolección dos materiais, a extracción dos colorantes e o tinguido das fibras. Haberá espazo para a realización dun proxecto persoal empregando materiais, tinturas e técnicas aprendidas durante estes días, que se poñerán en común ao final do curso. A modo de peche haberá unha sesión dedicada á cor vinculada ao alimento e á extracción de tinturas de ingredientes de cociña para crear unha peza colectiva.

Docentes

Lala de Dios é historiadora da arte e tecedeira, interesada no binomio tradición/innovación na artesanía e na interacción entre a arte, a artesanía e a natureza. É xestora e comisaria de proxectos culturais e entre os seus últimos proxectos atópanse colaboracións —utilizando tinguiduras naturais— con Teresa Lanceta e outras artistas, ou o comisariado das xornadas Tecendo Futuros (2023, San Cristovo de Mouricios, Chantada). Da súa traxectoria, ela mesma destaca o seu traballo en proxectos de cooperación e a actividade docente. Na actualidade é profesora de Materiais e construción téxtil no mestrado en Deseño Téxtil e Novos Materiais do IED Madrid.

Rosana Escobar é artista téxtil, formada en Bioloxía en Colombia e en Belas Artes en Holanda, que explora novas formas de resignificar a relación coas fibras desde a súa comprensión máis fonda e respectuosa, recoñecendo a súa autonomía, necesidades e axencia. Actualmente centra a súa investigación no fique, unha planta endémica de Colombia usada principalmente para a produción de costais de café. Rastreando a orixe e a cadea produtiva que se entrelaza co territorio, coas comunidades, coas industrias e coa paisaxe, Rosana reivindica a identidade e o valor intrínseco da fibra, opacado nos últimos anos pola industrialización. A súa práctica desenvólvese entre Colombia e Europa, onde comeza e remata a vida útil do material, creando unha ponte que facilite diálogos e explore escenarios onde a artesanía local, o mercado global, a arte, o deseño e a industria se atopan. Na intersección encóntrase un espazo fértil de experimentación e de transformación desde un entendemento holístico da fibra e das súas posibilidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2026