A Xunta abre este luns o prazo para optar a algunha das 50.244 novas prazas de FP para o vindeiro curso
O período para presentar as solicitudes, que se tramitarán vía telemática a través do Portal Educativo, permanecerá aberto ata o 30 de xuño
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2026
A Xunta abre este luns o prazo para optar a algunha das 50.244 prazas de FP de novo ingreso que se ofertan para o próximo curso 2026-27. O período para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de xuño e as persoas interesadas deben realizar os trámites vía telemática a través da aplicación de admisión de alumnado dispoñible no Portal Educativo. Unha vez pechado esta prazo, comezará o período de adxudicación, que se desenvolverá integramente en xullo, unha novidade incorporada o pasado ano.
Quen desexe estudar un ciclo de FP o próximo curso poderá escoller entre 277 titulacións diferentes -44 delas de nova implantación- repartidas entre 159 ciclos de grao básico, medio e superior, 33 másteres, 27 títulos de alta especialización, 45 formacións aceleradas e 14 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anima á mocidade, e tamén ao conxunto da cidadanía, a elixir unha oferta ampla e variada tanto desde o punto de vista cuantitativo como cualitativo, xa que se reforzan tanto os ciclos ordinarios como as novas modalidades de alta especilización, a FP Acelerada, a FP Básica Adaptada e a FP Básica para Adultos.
Proceso de adxudicación
A primeira adxudicación de prazas terá lugar o día 10 de xullo, con prazo de matrícula aberto entre o 10 e o 15 do mesmo mes. Coas prazas que queden libres realizarase unha segunda adxudicación o 20 de xullo, con prazo de matrícula entre o 20 e o 23. Finalmente, a terceira adxudicación será o 27 de xullo e a matrícula formalizarase entre o 27 e o 29.
A partir dese momento, e coa finalidade de que o maior número de persoas poidan acceder a esta formación, realizarase un proceso de adxudicación continua para aqueles ciclos nos que queden vacantes por cubrir. Deste xeito, cada centro procederá a chamar ás persoas que se atopen na listaxe de espera por orde para que realicen a inscrición.