A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, anunciou hoxe esta actuación

A Xunta somete a información pública o proxecto de trazado da mellora da OU-533 entre Viana do Bolo e A Gudiña, na que se investirán case 15,6M€

Intervirase no treito de máis de 15 quilómetros deste viario, entre os citados concellos, coa renovación da capa de rodaxe en toda a plataforma, a mellora das interseccións e a habilitación de carrís adicionais para facilitar adiantamentos

As actuacións completaranse cunha variante do trazado que permitirá a eliminación de varias curvas, a mellora da seguridade en 8 interseccións, o acondicionamento doutras 17 interseccións de camiños secundarios e a reposición da sinalización, entre outras

Allegue destaca que se trata “actuación integral” neste treito inicial da estrada, de xeito que permitirá mellorar a capacidade, funcionalidade e seguridade e facilitar a redución dos tempos de desprazamento

O prazo para a presentación de alegacións comezará o vindeiro luns 15 de xuño e prolongarase ata o 27 de xullo

Viana do Bolo (Ourense), 12 de xuño de 2026

A Xunta somete a información pública o proxecto de trazado da mellora da estrada OU-533 entre Viana do Bolo e A Gudiña, na que se investirán case 15,6M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, anunciou hoxe esta actuación.

Como destacou a conselleira, trátase dunha “actuación integral” no treito de 15 quilómetros que une os citados concellos, neste viario que conta con 50 quilómetros. Deste xeito, abordaranse varias actuacións para mellorar a seguridade, capacidade  e funcionalidade desta estrada, de especial importancia para as comunicacións de varios concellos do sur-leste da provincia de Ourense.

Deste xeito, deséñase un novo trazado sobre a base da estrada actual e, ademais da renovación da capa de rodaxe en toda a plataforma, abordarase unha importante mellora das interseccións e habilitaranse carrís adicionais para facilitar os adiantamentos.

Allegue destacou tamén que o proxecto inclúe unha variante do trazado (en concreto entre os puntos quilométricos 5+000 e 7+100), que permitirá a eliminación de varias curvas e, polo tanto, reduce o percorrido en ao redor de 700 metros.

Así mesmo, a intervención incluirá a mellora da seguridade de 8 interseccións, nas que se proxecta a disposición de novos carrís centrais de espera, así como a configuración en 7 dos casos da intersección para que se poida realizar un cambio de sentido con seguridade. Tamén se reporá a sinalización reporase a sinalización, o balizamento e as defensas.

A conselleira subliñou que a actuación redundará na mellora da seguridade e na redución dos tempos de desprazamento e destacou que este proxecto se enmarca no compromiso da Xunta coas infraestruturas, polo que ademais de sumar quilómetros de vías de altas prestacións, invístese nas melloras das estradas autonómicas, para seguir vertebrando o territorio e “conectar os concellos”.

“Con esta mellora da conectividade, melloramos a competitividade e seguimos así avanzando nesa Galicia calidade da que tan orgullosos estamos”, afirmou. Destacou tamén outra actuación de acondicionamento de estradas que se está a executar na OU-540 entre Celanova e Bande.

Tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do trámite de información pública, ábrese un prazo desde o vindeiro luns 15 de xuño e ata o 27 de xullo para a presentación de alegacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2026