A Xunta participa en Romanía no proxecto CEMTex para avanzar na circularidade dos téxtiles sanitarios

A visita permitiu coñecer experiencias innovadoras de economía circular, reciclaxe téxtil e modelos empresariais sostibles aplicados ao ámbito sanitario

O proxecto, no que participa a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, conta cun orzamento de 1,7 M€ e unha duración de catro anos

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2026.

A Xunta vén de participar na terceira Visita de Aprendizaxe Interrexional do proxecto Interreg Europe CEMTex, celebrado en Iași, Romanía, que contou coa presenza de integrantes da sanidade pública galega.

En concreto, en representación de Galicia asistiron o director da Área de Desenvolvemento de Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), José María Romero, e a xestora do proxecto CEMTex, Marta Groba. Tamén participaron o subdirector de Recursos Económicos da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos do Servizo Galego de Saúde, Juan Francisco Insua, e a coordinadora da estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde, Beatriz Piñeiro.

O encontro reuniu os socios europeos do proxecto co obxectivo de intercambiar coñecementos e boas prácticas para avanzar cara a modelos máis sostibles e circulares no uso de téxtiles sanitarios.

Durante as distintas sesións de traballo, representantes de administracións públicas, centros sanitarios, universidades, empresas e organismos de innovación compartiron experiencias relacionadas coa reutilización de materiais, a redución de residuos téxtiles e o desenvolvemento de novas solucións aliñadas cos principios da economía circular.

No marco da reunión presentáronse os resultados do estudo de mapeado desenvolvido polo proxecto, así como diversas iniciativas de investigación e innovación impulsadas por entidades académicas e empresariais da rexión anfitrioa.

Así mesmo, déronse a coñecer diferentes casos prácticos centrados na aplicación da economía circular aos téxtiles médicos, abordando aspectos relacionados coa reutilización, a reciclaxe, a xestión de residuos e a sostibilidade da cadea de valor téxtil. Os participantes tamén puideron coñecer a situación actual do sector en Ucraína e as oportunidades existentes para impulsar sistemas de reciclaxe e valorización de materiais téxtiles.

A visita incluíu, ademais, percorridos por dúas organizacións de referencia na rexión do nordeste de Romanía. Os socios coñeceron de primeira man a actividade de UtilDeco, entidade que combina os principios da economía social e da economía circular mediante iniciativas de recuperación e valorización de materiais, así como as instalacións de Majutex, empresa especializada en solucións téxtiles funcionais e sostibles.

Estas experiencias permitiron identificar exemplos de boas prácticas transferibles a outras rexións europeas participantes no proxecto.

A última xornada estivo centrada na revisión dos avances acadados polo consorcio e na posta en común das aprendizaxes obtidas durante as actividades desenvolvidas ata a data. Os socios presentaron tamén a evolución das accións que están impulsando nos seus respectivos territorios para favorecer a incorporación de criterios de sostibilidade e circularidade na xestión dos téxtiles sanitarios.

Do mesmo xeito, Galicia participou activamente nunha sesión de revisión por pares liderada polo Instituto Tecnolóxico Danés, na que o Servizo Galego de Saúde actuou como rexión avaliadora dos instrumentos de política pública do territorio organizador. Esta actividade permitiu compartir a experiencia galega en materia de sostibilidade e economía circular aplicada ao ámbito sanitario, contribuíndo a identificar novas oportunidades de mellora e futuras liñas de actuación para favorecer a transición cara a modelos máis circulares.

Este plan conta cun orzamento de fondos europeos de 1,7 millóns de euros e unha duración de catro anos, coordinado pola provincia de Gelderland (Países Baixos).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2026