Preto de 175.000 galegos aforraron máis de 21,3 M€ desde 2024 grazas ás rebaixas fiscais para mercar un vehículo de segunda man
O conselleiro de Facenda e Administración Pública visitou a VII Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico
Subliñou que esta medida sitúa a Galicia como a comunidade cunha tributación máis baixa de toda España neste eido
Lembrou tamén que para incentivar a compra de vehículos máis respectuosos co medio ambiente, a Xunta eliminou este imposto para os de 0 emisións e para as bicicletas, bicicletas con pedais asistido e vehículos de mobilidade persoal
Ribeira (A Coruña), 14 de xuño de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, subliñou que, preto de 175.000 galegos aforraron máis de 21,3 millóns de euros desde 2024, grazas ás rebaixas fiscais postas en marcha pola Xunta para mercar un vehículo de segunda man. “Uns cartos que, en vez de destinalos a pagar impostos puideron empregalos para outras necesidades de gasto ou para aforro”, aseverou.
Durante unha visita á VII Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico en Ribeira, Miguel Corgos lembrou que hai dous anos, desde o Goberno galego tomouse a decisión de aliviar o custe final da compra de vehículos de segunda man, “que é onde temos competencia”, precisou, referíndose á rebaixa en máis da metade do Imposto de Transmisións Patrimoniais, pasando do 8% ao 3%.
Deste xeito, unha persoa que merque un vehículo de segunda man en Galicia por, por exemplo, 18.000 euros, pasará de pagar 1.440 euros de ITP a abonar 540, cun aforro de 900 euros. Unha medida que sitúa a Galicia como a comunidade cunha tributación máis baixa de toda España neste eido.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública destacou tamén que para incentivar a compra de vehículos máis respectuosos co medio ambiente, a Xunta decidiu eliminar este imposto para os de 0 emisións e para as bicicletas, bicicletas con pedais asistido e vehículos de mobilidade persoal.